FACENDA

O Goberno aforrou en asesores, dedicacións exclusivas e gasto superfluo máis de 2,3 millóns de euros

23/05/2013 A concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, ofreceu en rolda de prensa os datos sobre o aforro conseguido polo goberno municipal desde a súa chegada nas partidas de gasto diverso ou superfluo e reducindo en 5 as prazas de asesores e en 3, as dedicacións exclusivas.

Nestes tres conceptos xuntos o aforro global acadou a cifra de 2.320.571,76 euros. Desglosando a mesma, a edila indicou que o aforro relativo ás 5 prazas de asesores que o goberno reduciu con respecto ao anterior máis as 3 dedicacións exclusivas que se eliminaron, foi de 206.048, 32 euros en 2011 e de 407.329,38 en 2012.

No que respecta á partida de gasto superfluo, é dicir aqueles gastos que non afectan aos servizo básicos, o goberno conseguiu aforrar 1.700.000 euros, que se obtiveron das seguintes áreas: en protocolo aforrouse con respecto a 2010 92.200 euros; 69.000 en telecomunicacións; 123.000 en servizos postais; 210.000 en publicidade, 47.000 en dietas, 19.000 en locomoción, 30.500 en arrendamentos para edificios municipais e 1.100.000 en gasto diverso. Segundo indicou Cecilia Sierra, nesta partida, incluída na xenérica de gasto superfluo, é onde se produciu o aforro máis importante, acotando o gasto que se viña producindo. Dos 980.000 euros desta partida en 2010, pasouse aos 480.000 en 2011 e aos 360.000 de gasto en 2012.

En resumo, a concelleira de Facenda puxo sobre a mesa as cifras que indican que o aforro en prazas (5 asesores e 3 dedicacións exclusivas) foi de 610.000 euros e no gasto superfluo, de 1,7 millóns, datos que sumados arroxan a cifra global de 2,3 millóns de aforro con respecto a 2010.

Compartir: