XUNTA DE GOBERNO

O Concello deberá aboar 80.000 euros polo impago dunhas obras en colexios realizadas en 2008

23/05/2013 A segunda tenente de Alcalde, Amelia González, deu conta dos acordos da Xunta de Goberno, que aprobou as normas das cacharelas de San Xoán e tomou nota da sentenza pola que o Concello deberá facer fronte a unha débeda de máis de 80.000 euros.

Esta sentenza, do Xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Santiago, estima parcialmente o recurso presentado pola empresa Coesisa SL en contra do Concello. O texto legal indica que quedou acreditado que a devandita empresa realizou no ano 2008 unhas obras de mantemento en colexios de primaria e secundaria que non foron aboadas polo Concello. O xuíz estima que a administración debe pagar 80.200 euros.

Nesta mesma sesión da Xunta de Goberno aprobouse a concesión de dúas licenzas que xa contaban co visto bo da comisión asesora do Casco Histórico: unha a nome do Consorcio para a restauración da fachada leste da igrexa da Orde Terceira franciscana na rúa Cmaiño de San Francisco, e unha segunda para o Arcebispado co obxecto de reparar a cuberta do Mosteiro de San Martiño Pinario, sito na praza da Inmaculada.

No apartado de seguridade deuse luz verde as normas que rexen a celebración de cacharelas e sardiñadas na noite de San Xoán. Como xa fixera o edil de Mobilide e Seguridade, Luis Bello, a concelleira Amelia González quixo lembrar o prazo para a presentación de solicitudes, que comeza o día 1 de xuño e remata ás 14.00 horas do día 15.

Así mesmo, aprobáronse incialmente dúas axudas para as áreas de rehabilitación de Vista Alegre e do Casco Histórico, incluídas no convenio entre o Ministerio de Fomento, o IGVS e o Concello para 2013. A primeira delas por importe de 103.872 euros e a segunda de 48.734,49 euros.

Por último, deuse conta da celebración da carreira CorreSan, da adxudicación das obras de reforzo do firme na vía pública en Frades (Enfesta), neste caso á Deputación da Coruña, e aprobouse o aboamento de horas extraordinarias ao persoal municipal.

Documentos relacionados



Compartir: