PARTICIPACIÓN CIDADÁ E CENTROS SOCIOCULTURAIS

Continúan as rutas didácticas por Compostela coa visita ás parroquias de Villestro, Figueiras e A Peregrina

23/05/2013 Segue a desenvolverse con gran éxito a edición abril-xuño do programa educativo de rutas "Cultura Viva, Fai túa Compostela", promovido polas Concellerías de Centros socioculturais e de Participación Cidadá. Este sábado tócalle ás parroquias de Villestro, Figueiras e A Peregrina.

Cualificado como proxecto estrela polo concelleiro, Francisco Noya, os resultados en canto á participación e desenvolvemento das actividades previstas para estes meses están a cumprir as expectativas de boa acollida tanto entre os participantes, que amosan satisfacción nos comentarios e nas avaliacións, como nos responsables do programa.

Co título Parroquias II: Villestro , Figueiras e A Peregrina a ruta deste sábado 25 de maio, fará un percorrido polas parroquias do rural cunha explicación da súa paisaxe a través de elementos patrimoniais e sociais relevantes.

O percorrido polas parroquias de Enfesta, Marantes, Nemenzo, Verdía, Conxo, Vidán, Laraño, Villestro, Figueiras, A Peregrina, Bando, Sabugueira, Carballal; as visitas a obradoiros de artistas e artesáns tradicionais e contemporáneos; os paseos por edificios singulares, unha ruta literaria, a visita ao barrio histórico de Sar, a espazos de arte e creación contemporánea, o acceso a balcóns excepcionais, a vista ao Castelo da Rocha e outros lugares de interese patrimonial, son os centros de interese aos que nos están a achegar as rutas durante estes tres meses de intensa actividade sociocultural.

O proxecto Cultura Viva facilita o proceso formativo, ensinanza, aprendizaxe, na que a Cidade, como contido, recurso e axente educativo, e as persoas, coas súas experiencias e coñecementos da mesma, amosan múltiples facetas socio-culturais.

A Concellaría de centros socioculturais agradece a colaboración e implicación dos distintos colaboradores (persoas voluntarias, membros de asociacións, representantes de institucións públicas e privadas) e espazos diversos vencellados aos distintos itinerarios, así como aos entusiastas participantes das rutas.

O grupo participante na ruta didáctica deste sábado partirá as 11h da Casa das asociacións de Cornes, para o percorrido é preciso desprazar ao grupo nun microbus ata o punto de partida nas parroquias.

Programa descargable tamén en www.santiagosociocultural.org

Compartir: