EDUCACIÓN

O CEE de Xordos amosa o seu traballo

14/06/2006 O alcalde da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos López, ademais doutros membros da corporación local, achegáronse o mércores 14 de xuño ás instalacións do centro CEE de Xordos para coñecer o traballo diario que desenvolve este centro educativo e compartir xantar cunha representación da comunidade escolar.

Esta acción formaba parte do programa de actos que o CEE de Xordos, conxuntamente co Departamento de Educación e Mocidade, están a desenvolver co obxecto de dar coñecer a oferta educativa e formativa deste equipamento educativo, contribuíndo á integración dos nenos e nenas que cursan os seus estudos no CEE de Xordos, especialmente, dos mozos e mozas que están a participar nos diferentes programas de garantía social: olería e cerámica; carpintería; axudante de servizos de restaurante e bar; téxtil e confección; fontanería; carpintería de madeira maciza; axuda a domicilio; fabricación de mobles; entre outros.

Entre as propostas realizadas, o pasado 9 de xuño clausurouse na Obra Social de Caixa Galicia a Exposición "Todos Iguais, Todos diferentes", unha mostra dos talleres e as actividades, no que participaron máis de 500 persoas.

Na actualidade, o CEE Rexional de Xordos atende a educación de alumnos xordos e oíntes con multideficiencias nos niveis de educación infantil, educación primaria e primeiro ciclo de educación secundaria. Tamén se ocupa dos alumnos xordos e oíntes participantes en diferentes programas de garantía social (P.G.S.) e atende a tempo parcial, no Centro de Recursos, ao alumnado procedente de centros públicos e concertados da bisbarra de Santiago de Compostela con problemas de audición e/ou linguaxe.

O proxecto educativo do centro resúmese en favorecer o desenvolvemento integral dos alumnos e alumnas e a súa integración social, proporcionándolles as habilidades necesarias para a súa posterior incorporación á vida social e laboral.

Compartir: