CASCO HISTÓRICO

A comisión do Casco Histórico dá luz verde ao acondicionamento da Sala de Armas do Pazo de Xelmírez e da Capela do Hostal dos Reis Católicos

22/05/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, deu conta dos asuntos abordados na última sesión da comisión asesora do Casco Histórico, na que se aprobaron, ademais das que se realizarán en Xelmírez e no Hostal, obras de restauración no mosteiro de San Martiño Pinario e na Igrexa da Orde terceira franciscana.

As obras previstas na Sala de Armas e dependencias anexas situadas na planta baixa do Pazo de Xelmírez consistirán no seu acondicionamento como sala de exposicións para o que é necesario o levantamento do actual pavimento co fin de impermeabilizar o chan e a colocación dun novo de pedra, incluíndo xa as instalacións soterradas. Tamén se realizará unha nova caseta de control e colocaranse portas cortavento na entrada, novas carpinterías en portas e fiestras e instalarase un ascensor para comunicar a planta baixa do pazo coas dúas plantas superiores. Esta actuación conta cun orzamento que ascende a 207.323,48 euros e cun tempo de execución de catro meses.

Tamén se concedeu a licenza para a realización das obras de emerxencia para reparar o campanario, as vidreiras e a cuberta da Capela Real do Hostal dos Reis Católicos, gravemente danadas. Neste caso repararanse os elementos de cobertura do tellado, restaurarase as oito vidreiras da capela e o campanario de ferro fundido situado no alto da torre. Para isto será necesaria unha contía de 100.401,50 euros e dous meses de traballo.

As outras dúas licenzas concedidas permitirán restaurar a fachada da Igrexa da Orde terceira franciscana e a cuberta do mosteiro de San Martiño Pinario. A primeira das actuacións consistirá no repicado e saneamento dos acabados de morteiro de cal e pintura da fachada e na colocación de canalóns e baixantes para evitar as escorrentías de auga co fin de eliminar os importante problemas de humidade que sofre o edificio. No que se refire á cuberta do mosteiro, repararanse os danos producidos como consecuencia da caída dunha cruz de forxa que remata a torre. Concretamente repararanse os elementos de cobertura (tella e placas de fibrocemento) así como os pontóns, tarima de madeira e falsos teitos afectados. Para esta actuación, dun mes de duración, destínanse 21.123,55 euros e para a igrexa franciscana, 23.306,32 euros, e tres meses de execución.

Así mesmo, concedéronse nove licenzas dentro do perímetro azul e autorizouse a colocación de dous rótulos, na rúa Preguntoiro, 10, e a placa en homenaxe a Roberto Vidal Bolaño na fachada do Salón Teatro. Por último, a comisión aprobou a proposta de adxudicación das obras de acondicionamento dunha parcela para campo de festa en Nemenzo por importe de 97.595,80 euros, actuación financiada con cargo aos fondos europeos agrarios FEADER.

Compartir: