MEDIO AMBIENTE

Rematan as obras de remodelación do parque Agro de Ramírez

21/05/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, xunto coa concelleira María Pardo, inaugura este luns, 27 de maio, o parque Agro de Ramírez tralas obras de remodelación. O acto será ás 17.00 horas.

O novo parque de Ramírez, cuxa construción foi adxudicada por un importe de 350.002 euros máis IVE, será a primeira área interxeracional de lecer da que dispoña o Ensanche, de xeito que poderán facer uso dela nenos, mozos, pais e avós. Serán máis de 700 metros cadrados de parque infantil e outros 200 metros cadrados de pista polideportiva, das que poderán facer uso simultaneamente uns 194 usuarios: 115 nenos e 40 adultos comodamente sentados no parque, un máximo de 14 usuarios na pista deportiva e ata un máximo de 25 usuarios nos circuítos biosaudables.

En canto ao parque infantil, quedará organizada en catro zonas de formas redondeadas, conectadas por sinuosos camiños pavimentados con céspede artificial antiestático. Os camiños axudarán a agrupar os xogos por idades, creando pequenas separacións para que os nenos máis pequenos queden máis controlados e protexidos dos maiores.

Como denominador común das catro zonas, todos os xogos propostos caracterízanse pola asociación do metal con cordas e HPL de cores azul e laranxa. Ademais, son materiais altamente resistentes aos axentes meteorolóxicos, ao uso intensivo e aos posibles actos vandálicos. As áreas de xogo estarán pavimentadas con caucho continuo de fondo azul con motivos cósmicos en cor amarela.

Compartir: