ALCALDÍA

O alcade recibe unha delegación de embaixadores da UE en España

20/05/2013 O Alcalde de Santiago, Ángel Currás, recibiu no Pazo de Raxoi unha delegación de embaixadores dos países da Unión Europea en España, que se atopan en Galicia nunha viaxe organizada pola presidencia irlandesa da UE neste primeiro semestre do ano.

Trátase dunha vintena de embaixadores da Unión Europea acreditados en España, o director da Oficina da Comisión Europea en Madrid e o embaixador de Croacia en España, xa que Croacia se converterá no Estado número 28 da UE o vindeiro mes de xullo. Durante os días 20 e 21 de maio, analizarán asuntos como a correcta utilización dos fondos europeos que se ten feito en Galicia e que permitiu á nosa rexión abandonar a categoría de rexións menos desenvolvidas en menos dunha década

A visita institucional tratará de resaltar os vínculos culturais que unen Galicia con Irlanda. Neste sentido, os embaixadores mostráronse moi interesados na Ruta Xacobea, conscientes do papel que eses itinerarios desempeñaron no desenvolvemento da unidade europea. Por outra parte, proxectase que a Cidade da Cultura albergue unha importante exposición itinerante sobre a emigración dos irlandeses na Europa dos Séculos XVI e XVII.

Así, esta recepción é un bo escaparate para a promoción do Camiño de Santiago e da Cidade da Cultura, entendida como polo cultural de gran envergadura, dedicado ao coñecemento e a creatividade contemporánea de Galicia.

Compartir: