EDUCACIÓN

O Teatro Principal acolle a representación da primeira das obras gañadoras do XVIII Certame de Teatro Intercentros

20/05/2013 A partir das 20.00 h no Teatro Principal o grupo Bululú, integrado por alumnos de secundaria dos IES Lamas de Abade e Pontepedriña, interpretarán a obra "A Catedral", unha historia sobre símbolo da cidade. Asiste a concelleira de Educación, María Castelao, que fará entrega dos premios ao remate da obra.

Un grupo de pelegríns de orixe francesa percorre un camiño imaxinario que en realidade é unha andaina no tempo. Estes personaxes convérsense en testemuñas privilexiadas de tres momentos puntuais e trascendentais na historia do elemento patrimonial máis importante da cidade, a Catedral.

Esta obra erixiuse en gañadora da súa categoría mediante os votos dos asistentes ás representacións despois de ser representada nos salóns de actos do IES Xelmírez, Rosalía de Castro e na escola de Maxisterio.

Ao remate da representación a Concelleira de Educación, María Castelao, fará entrega dos diplomas aos centros participantes e dos agasallos aos premiados.

O Certame deu comezo o 8 de abril e durante unha semana os diferentes grupo de teatro de Santiago e comarca participantes fixeron as súas representacións nos salóns de actos dos IES Xelmírez I, Rosalía de Castro e na Escola de Maxisterio. O propio alumndo asistente e diferentes profesionais de teatro foron os encargados de elixir as obras e os grupos gañadores das categorías de educación secundaria e educación primaria, así como o mellor actor e mellor actriz en cada categoría.

O vindeiro luns, 27 de maio será o turno para a representación da obra gañadora de primaria, tamén ás 20 horas no Teatro Principal. Trátase de "Non sen o meu teléfono móbil", do grupo A aula do fondo do CEIP Lamas de Abade.

Documentos relacionados



Compartir: