DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Os gañadores do concurso "Gústame o galego" recibiron os seus agasallos

17/05/2013 O Pazo de Bendaña acolleu a entrega de agasallos aos autores dos lemas máis votados en Facebook e Twitter dentro da campaña Gústame o galego. Recibiron cadanseus lectores de libros dixitais no marco dunha xornada chea de actividades con motivo do Día das Letras Galegas. Os premios foron entregados polo alcalde, Ángel Currás, e polas concelleiras de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, e de Educación, María Castelao.

Os lemas deixados no Facebook e no Twitter sumaranse a partir de agora aos que xa ten a campaña Gústame o galego, consistente nun fotocol no que calquera pode fotografarse amosando o seu apoio á lingua galega. As fotos resultantes van colgándose nun perfil de Facebook (Gústame o galego) que xa supera os 6.000 seguidores. A campaña foi promovida pola Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua e está circulando por moitos lugares de toda Galicia. O Día das Letras Galegas, o fotocol estivo en Santiago, no Pazo de Bendaña, na praza do Toural.

O lema gañador en Twitter foi o de Tatiana García González: "Gústame o galego porque temos bicos, aloumiños e moitas mostras de aprecio doces coma o mel". Presentáronse 280 propostas e a gañadora tivo 18 rechíos.

En Facebook, o lema gañador corresponde a Lara Fernández Alonso: "Gústame a xente riquiña". Presentáronse 127 lemas e o gañador obtivo 279 "gústame".

Programación do Día das Letras Galegas
As concellerías de Normalización Lingüística e de Educación prepararon para este 17 de maio, Día das Letras Galegas, unha xornada de actividades, reunidas baixo o título En galego con todas as letras. Ademais do devandito fotocol, realizouse o obradoiro creativo Renova a camisola con Vidal Bolaño, destinado a nenos e nenas de 3 anos en diante, que puideron deseñar as súas camisetas incorporándolles unha ilustración e un texto que debían crear e plasmar eles mesmos.

Para a tarde, ás 19:00 horas, estaba previsto no Auditorio de Galicia o concerto Tic-Tac, proposta musical de Pablo Díaz para toda a familia baseada nas composicións do libro-disco homónimo.

Compartir: