BENESTAR SOCIAL

O Concello colaborará nas actividades de Down Compostela e da Asociación Compostelá de Esclerose múltiple

13/06/2006 A Asociación Síndrome de Down de Compostela (Down Compostela) e a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) recibirán do Concello de Santiago unha achega respectiva de 1.500 euros para o desenvolvemento das súas actividades sociais. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou cos presidentes destas dúas asociacións, Juan Jesús Martínez e Carmen Vázquez Vaamonde, o convenio que establece a colaboración coas mesmas e o programa de actuacións ao que afecta.

No caso de Down Compostela, o convenio establece a colaboración para o desenvolvemento de actividades en áreas como a atención temperá, con programas de acollida en hospitais e apoio psicolóxico ou de psicomotricidade. A achega tamén servirá para facer fronte ás actividades no eido da potenciación das competencias básicas, tales como logopedia e linguaxe, lecto-escritura, programa cognitivo, novas tecnoloxías ou apoio á integración escolar. A terceira área de actuación é a de formación e emprego na idade adulta, con iniciativas no eido da transición á vida adulta, da inserción laboral, das novas tecnoloxías ou das familias.

A Asociación Síndrome de Down de Compostela (Down Compostela) é unha entidade que desenvolve actividades de promoción social e desenvolvemento comunitario, co fin de mellorar a calidade de vida das persoas coa Síndrome de Down e das súas familias. Para iso facilítanlles servizos de apoio, orientación e información, traballan na integración social e promoven a concienciación social en torno a esta realidade.

A colaboración coa Asociación Compostelana de Esclerose Múltiple (ACEM) afectará a varios servizos de fisioterapia, traballo social e logopedia, e aos programas de aquoterapia e de convivencia e integración. Ademais, realizaranse charlas divulgativas de carácter formativo e informativo e un taller de manualidades.

ACEM promove diversas actuacións encamiñadas a mellorar a situación persoal dos homes e mulleres que sofren esclerose múltiple ou doenzas semellantes, así coma, a sensibilizar á sociedade ante esta enfermidade e axudar aos familiares que teñan persoas afectadas pola mesma.

Estes convenios dan estabilidade á colaboración que se vén producindo de maneira continuada entre o Concello de Santiago e estas dúas entidades, no convencemento de que a complexidade dos problemas sociais require da implicación de distintos colectivos no camiño de conseguir a xustiza e a igualdade social.

Compartir: