DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Santiago rendeu homenaxe a Roberto Vidal Bolaño lembrando a súa figura e descubrindo unha placa diante da súa casa familiar

17/05/2013 A cidade de Santiago homenaxeou a un dos seus veciños ilustres, Roberto Vidal Bolaño, neste Día das Letras Galegas. Así, en Vista Alegre, a carón da casa familiar onde vivira, no número 43, recordouse a súa calidade humana e literaria, e descubriuse unha placa que leva por lema "Polo seu traballo e por toda unha vida dedicada ao teatro galego e á nosa literatura".

Coa presenza de familiares, veciños e autoridades, celebrouse un acto institucional no que o alcalde compostelán, Ángel Currás, expresou o recoñecemento do Concello á figura de Roberto Vidal Bolaño e apuntou que "a oferta teatral de Compostela débese, en boa medida, a este home de teatro total". Neste sentido, apuntou que o dramaturgo "propiciou a existencia de novos oficios en Compostela. Cando el naceu os oficios máis característicos nesta cidade eran, entre outros, os eclesiásticos ou os académicos. E hoxe, grazas a xente coma Roberto Vidal Bolaño, destacan en Compostela os oficios da cultura e, particularmente, os oficios do teatro".

A Vidal Bolaño agradeceulle tamén "terlle dado a Compostela unha dimensión literaria", lembrando tamén o seu "proceso de crecemento intelectual iniciado aquí en Vista Alegre e impulsado por un esforzo autodidactico que potenciou o seu talento natural". Finalmente, o alcalde comprometeu o esforzo do Concello en dar a coñecer a obra e o talento do homenaxeado.

Nun acto conducido polo xornalista Camilo Franco e que contou coa asistencia da nai de Roberto Vidal Bolaño, Carme, e do seu fillo Roi, tamén interviñeron o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez. Tamén nesta cerimonia, a asociación veciñal As Brañas de Andrés reivindicou o renomeamento da praza a carón da casa onde naceu co título dunha das súas obras máis emblemáticas, Saxo Tenor. A Banda Municipal pechou o acto coa interpretación do Himno Galego.

Acto da Real Academia Galega
A continuación deste acto, o alcalde compostelán, Ángel Currás, xunto coa concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, asistiron ao plenario extraordinario con motivo do Día das Letras Galegas organizado pola Real Academia Galega no Teatro Principal. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo presidiu o acto, que contou con diversos discursos de lembranza de Roberto Vidal Bodaño e de defensa da lingua galega.

Compartir: