DEPORTES

O Concello asumirá a xestión das instalacións deportivas do Hospital Psiquiátrico de Conxo

17/05/2013 Despois dos contactos mantidos nos últimos meses, a Concellería de Deportes anuncia que en breve se pechará o acordo de cesión das instalacións deportivas situadas nos terreos do Hospital Psiquiátrico de Conxo. Unha vez formalizada a cesión, o Concello acometerá a substitución do campo de terra por outro de herba sintética.

A Concellería de Deportes iniciou en xaneiro de 2012 as xestións para acadar a cesión das instalacións deportivas situadas dentro da parcela do Hospital Psiquiátrico de Conxo, que na actualidade pertencen á Xunta de Galicia. Estas instalacións están a prestar un importante servizo a nivel local, especialmente para a práctica do fútbol da cidade, dado que constan de dous campos, un de terra e outro de herba natural, que reciben semanalmente a centos de nenos que adestran e compiten nestes recintos.

Por parte da Concellería de Deportes, unha vez valorada a situación actual destas instalacións, considerouse preciso que puideran reverter na administración local co fin de poder establecer un plan de investimento que implique unha mellora das súas prestacións, co obxectivo de garantir unha práctica deportiva acorde ás necesidades actuais.

Pasado xa un ano dos primeiros contactos pódese afirmar que, unha vez confirmada a vontade das administracións involucradas, en breve pecharase o acordo para a concesión demanial da parcela na que se ubican na actualidade as instalacións deportivas, que ocupan un total de 22.692 metros cadrados, de tal xeito que a súa xestión pasará a ser responsabilidade do Concello de Santiago.

Unha vez finalicen os procedementos administrativos que concluirán coa sinatura do convenio, en virtude do cal a Xunta de Galicia realizará a concesión destas instalacións ao Concello de Santiago, estarase en disposición de licitar a primeira das actuacións, que supón a substitución do campo de terra por outro de herba sintética, o que suporá un importante salto cualitativo respecto das actuais condicións de uso.

Documentos relacionados



Compartir: