NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A USC celebrou o Día das Letras Galegas coa presentación dun volume sobre Vidal Bolaño

16/05/2013 A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, asistiu ao acto con motivo do Día das Letras Galegas organizado pola USC no salón nobre do Pazo de Fonseca. No mesmo presentouse o volume Roberto Vidal Bolaño. Día Letras Galegas 2013, que coordinou o profesor Anxo Tarrío Varela.

Na publicación, que contén un facsímile do mecanoscrito inédito de Percival, colaboran especialistas en literatura dramática e no espectáculo teatral como Anxo Abuín, da USC, cun estudo sobre a adaptación ao cinema da obra Doentes; Iolanda Ogando, da Universidade de Estremadura, que fala da "mobilidade" no teatro de Bolaño; Roberto Pascual, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, cunha análise da obra última do autor; Carme Silva, da USC, cun estudo lingüístico do orixinal de Percival; Laura Tato, da Universidade da Coruña, que contextualiza o libreto que prepara Vidal Bolaño en 1982 para a posta en escena do relato de Méndez Ferrín Percival e outras historia; e, finalmente, Roi Vidal, fillo do homenaxeado, que reflexiona sobre a estética dos espectáculos de Teatro Antroido.

O acto, presidido polo reitor da USC, Juan Casares, rematou cunha conferencia do catedrático de Filoloxía Galega Anxo Tarrío Varela, na que ilustrou a traxectoria de Roberto Vidal Bolaño na historia do teatro galego. Tamén asistiu, ademais da concelleira de Normalización Lingüística, un destacado número de autoridades da cultura e da política, entre elas a vicesecretaria da Mesa do Parlamento, Concepción del Burgo; o valedor do Pobo, José Julio Fernández; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o conselleiro do Consello de Contas de Galicia, Antonio López; o arcebispo de Santiago, Julián Barrio; e o comisario da Policía, Simón Sabariz.

Compartir: