XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica o servizo de medición de ruídos

16/05/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, adxudicou o servizo de medición de ruídos derivados de actividades de carácter comercial, industrial ou de calquera outra fonte de ruído no termo municipal de Santiago. Ademais, deu o visto bo a varias licenzas de obras do Consorcio en igrexas da cidade e á solicitude dunha subvención para o programa Emprego Santiago II.

O servizo de medición de ruídos medición permitirá realizar estes controis dun xeito global, fronte ás medicións individuais que se viñan realizando ata agora. Co fin de que estas medicións sexan realmente efectivas, faranse por sorpresa e nos momentos en que efectivamente se produce a molestia. O servizo adxudicouse por un importe de 8.264,46 euros máis IVE.

Licenzas
Por outra parte, deuse o visto bo a tres licenzas para obras que executará o Consorcio de Santiago en tres igrexas de Santiago. Unha delas é a da limpeza da fachada principal do convento de San Francisco. Tamén se realizará a segunda fase das obras de restauración do mosteiro de San Paio de Antealtares, cun investimento de 28.925 euros e un prazo de execución de 3 meses. Finalmente, aprobouse a licenza para a obra de eliminación de humidades na capela do Cristo da igrexa da Mercé de Conxo, por importe de 76.220 euros e un prazo de execución de catro meses.

Programa de emprego
En materia de Emprego, acordouse solicitar á Consellería de Traballo e Benestar unha subvención de 100.484 euros para o programa integral Emprego Santiago II. O Concello achegaría 12.058 euros a este proxecto.

Premio Blanco Amor
O Goberno local aprobou tamén a a solicitude de participación do Concello na XXXI edición do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor.

Documentos relacionados



Compartir: