DEPORTES

Un torneo de hóckey en Vite recadará fondos para a Cociña Económica

16/05/2013 Os días 17, 18 e 19 de maio, o pavillón de Vite acollerá un torneo de hóckey en beneficio da Cociña Económica, organizado polo Hóckey Club Raxoi. Máis de 200 xogadores, a maioría escolares, participarán nesta competición solidaria.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, convidou os composteláns e compostelás a sumarse a esta iniciativa solidaria, que terá entradas simbólicas a 1 e 2 euros. Na entrada do pavillón haberá unhas huchas onde a xente poderá deixar os seus donativos. Ademais, habilitouse unha fila cero para doazóns: 2080 0300 86 3000454001.

Participarán os clubs H.C. Borbolla, A.C. Ordes, C.P. Burgos, Escola Lubiáns, CIA María Ferrol, Dominicos, Ponferrada, Traviesas H.C., H.C. Riazor, H.C. Cambre, H.C. Raxoi e Selección Galega. A primeira xornada do venres estará destinada fundamentalmente aos partidos de categorías escolares, mentres que o prato forte do sábado será a participación da Selección Galega. O torneo pecharase o domingo cos últimos partidos e a entrega de trofeos.

O concelleiro aproveitou a comparecencia para anunciar que se vai habilitar un pavillón máis para a práctica do hóckey, o do CEIP Apóstolo Santiago. Ademais, agradeceu ao presidente do Hóckey Club Raxoi, José Mª Soriano, e ao seu secretario, Santiago Barral –presentes na rolda de prensa- o labor que o club realiza cos máis pequenos e con colectivos con discapacidade.

Compartir: