NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Conservatorio Profesional de Música homenaxeou a Rosalía de Castro con motivo dos 150 anos de "Cantares Gallegos"

15/05/2013 O Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela homenaxeou a figura de Rosalía de Castro cun concerto especial en San Domingos de Bonaval con motivo do 150 Aniversario da publicación de Cantares Gallegos. A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, sumouse a esta iniciativa, que incluíu tamén unha ofrenda floral antes do concerto a cargo de alumnos do Conservatorio e do IES Rosalía de Castro.

Este ano 2013 celébrase o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, o día 17 de maio de 1863, aniversario de Manuel Murguía no que a súa compañeira lle ofrecía este poemario como sinal de amor mutuo e compromiso por Galicia. O Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela celebrou este acontecemento cun concerto especial, co que tamén se pretendía recuperar a memoria histórica e musical do traslado dos restos da poetisa dende os campos de Iria, como ben di Máximo Leis Pouse (A Patria Galega, 1891).

Cando a poetisa foi levada dende o cemiterio de Adina a Bonaval, a onde chegou dende a estación ferroviaria de Cornes, organizouse unha comitiva fúnebre integrada por numerosas persoas e entidades da cidade, para acompañala á que sería a súa última morada. Ao paso desta comitiva todo o comercio pechou en sinal de dó e, nas rúas cheas, a xente mantivo un silencio reverencial só resgado polas bágoas ao paso da música. Ante o edificio da Universidade Central, agora Facultade de Xeografía e Historia, e fronte á casa onde viviron algúns anos o matrimonio Murguía-Castro, os alumnos prepararon a súa homenaxe coa lectura dun sentido poema e a interpretación polo Orfeón Valverde do Miserere composto por Mariano Tafall en 1873 e que fora estreado no enterro do propio autor en 1874. Este traballo está composto especialmente para a súa interpretación nunha comitiva funeraria. A súa instrumentación, constituída por instrumentos de vento que acompañan ás voces, permite ir cantando a obra a medida que se camiña. Esta partitura foi interpretada polo coro e un conxunto orquestral do Conservatorio para celebrar este acontecemento.

Para continuar o espírito galeguista e divulgador da obra de Rosalía, o Conservatorio editou un caderno conmemorativo no que se publica o Miserere de Tafall e, ademais, cinco pezas musicalizadas por alumnos sobre textos da poetisa para a súa interpretación neste concerto homenaxe.

Compartir: