MEDIO AMBIENTE

Os balcóns da cidade histórica lucirán 500 xardineiras de xeranios

15/05/2013 A concelleira de Urbanismo e Medio Ambiente, María Pardo, deu conta da posta en marcha dunha iniciativa da empresa concesionaria do mantemento das zonas verdes da cidade, Cespa, pola que se colocarán 500 xardineiras con flores nos balcóns das rúas e prazas da cidade histórica.

Os xeranios colgantes, plantas de temporada, son as especies elixidas para esta experiencia inicial, da que se beneficiarán uns 100 inmobles do casco histórico. Destas 500 xardineiras, preparadas no viveiro municipal, 70 colocaranse en edificios oficiais. A colocación de xadineiras empezou por Porta do Camiño e Casas Reais.

Os veciños que solicitaron estas xardineiras só terán que regalas e coidalas. A intención, indicou María Pardo, é darlle continuidade a esta iniciativa, de xeito que en anos posteriores sexan cada vez máis os balcóns adornados. Trátase, segundo Luis Incera, xerente de Cespa, de "fomentar unha cultura de balcóns semellante á que pode existir no sur de España ou en Francia".

"Se a iniciativa sae ben, logo xa se poderían colocar plantas que aguantasen todo o ano", apuntou Incera. Igualmente, sería posible utilizar diferentes variedades e cores.

Este proxecto, que non ten custo para o Concello, resulta especialmente axeitado para unha zona como a histórica que carece de zonas verdes, explicou María Pardo.

Compartir: