BENESTAR SOCIAL

Clausurados na Trisca os obradoiros para maiores de 60 anos "Positivíza-T"

14/05/2013 O Centro Sociocultural da Trisca acolleu, coa presenza da concelleira de Benestar Social, María Castelao, a clausura e entrega de diplomas aos participantes nos obradoiros "Positivíza-T: Programa de Prevención do Envellecemento Pasivo", que se viñeron desenvolvendo os días 23 e 30 de abril e 7 e 14 de maio. Foron impartidos polo Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte – Servizos Sociais en colaboración co CSC.

Estes obradoiros tiñan a finalidade de ofrecer unha formación específica destinada ás persoas maiores co ánimo de sensibilizar, preparar e axudar á difusión do crecemento da persoa nesta etapa posterior a xubilación, que abre uns horizontes moi positivos e saudables para a súa participación na comunidade e na sociedade na que conviven. Nestas xornadas prestóuselle axudas a estas persoas na procura do seu propio desenvolvemento persoal neste período das súas vidas, reforzando a figura da persoa maior activa a través de técnicas específicas, fundamentalmente o voluntariado, a animación sociocultural e o desenvolvemento comunitario.

Os temas abordados durante estes obradoiros foron moi variados, centrándose en materias como: os estereotipos sobre a xubilación e a vellez, o concepto do tempo, a saúde e o desenvolvemento persoal, a xubilación e os trocos económicos, o sistema de pensións públicas, os ingresos complementarios ás pensións públicas, o gasto cotiá, o excedente do tempo, a madurez activa ou o crecemento persoal.

Acudiron a estes obradoiros 14 persoas de idade comprendidas entre os 65 e os 80 anos de idade. Os participantes amosáronse satisfeitos da experiencia, segundo reflicten as enquisas ás que responderon de forma anónima e voluntaria. Así, ante a pregunta sobre o nivel de satisfacción respecto o obradoiro, o 98,00 % respondeu moi ben e o 2,00% ben. Ninguén elixiu as opcións de regular, mal ou moi mal.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión no marco do Proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: