URBANISMO

Vía libre á conexión urbana e estética de Conxo co Ensanche

12/06/2006 O Ensanche quedará conectado urbanística e esteticamente cos novos polígonos do sur grazas ás actuacións que se realizarán no solo SUP-1 de Romero Donallo. Unhas 200 vivendas, amplas dotacións de servizos, zonas verdes e deportivas, unha gran praza, un novo vieiro e un importante lavado de cara son algunhas das señas de identidade deste novo espazo.

Segundo apuntou o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, tratáse dun plan que "integra esteticamente a Conxo no tecido urbano da cidade dun modo definitivo". Neste sentido, indicou que Romero Donallo se converterá nunha "peza de unión" entre os dous ensanches do Sur", algo parecido "ao que é hoxe a rúa da Senra".

A modificación do Plan parcial de Romero Donallo foi deseñada polo arquitecto César Coll e contempla a construción dunhas 200 vivendas, pero sobre todo supón unha actuación de carácter global que variará completamente a fisionomía desta parte da cidade. Un dos cambios importantes será a creación dunha nova rúa, que transcorrerá por debaixo do periférico e que unirá esta nova superficie urbanizada con Pontepedriña.

As obras permitirán tamén ampliar o espazo dispoñible para o IES Instituto Condal e habilitar amplas zonas verdes. Ademais, contémplase unha área deportiva que, unida á doutros solos veciños, creará un espazo de 30.000 metros cadrados no que o Concello baralla a posibilidade de crear grandes dotacións deportivas.

En canto ao cambio estético, o impacto máis importante será a creación de dous novos edificios que, á marxe do seu uso, permitirán cubrir as partes traseiras dos edificios que teñen o seu fronte na rúa Rosalía de Castro. As previsións son que este polígono, de promoción privada, poida estar rematado nun prazo de catro anos.

Pontepedriña

O alcalde compostelán tamén anunciou a aprobación inicial en Xunta de Goberno do proxecto de urbanización do SUP-7 de Pontepedriña, onde se construirán 646 vivendas protexidas. Trátase dunha actuación que afectará a 82.381 metros cadrados, cunha superficie para dotacións, equipamentos e zonas verdes de 44.181 metros cadrados.

A previsión é que as obras comecen en outubro, en palabras de Sánchez Bugallo, quen destacou, entre a dotación deste proxecto urbanístico, a reserva para a construción dun colexio e a posibilidade de crear un aparcadoiro soterrado para os residentes. O orzamento é de 5,9 millóns de euros.

Compartir: