DEPORTES

O Circuíto CorreSan incorpora unha nova carreira saudable na súa segunda edición

14/05/2013 Tras o éxito da primeira edición, volven as carreiras do Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan. Desta vez serán cinco as probas a pé organizadas pola Federación Galega de Atletismo coa colaboración da Concellería de Deportes, co obxectivo prioritario de concienciar a grandes e pequenos sobre os beneficios dunha actividade física regular.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou o calendario de probas, lembrando a satisfactoria acollida da primeira edición do CorreSan. De aí que este ano se decidira incluír unha carreira máis, ata cinco, ás que se sumará outra, a I San Silvestre, no mes de decembro.

O calendario de carreiras ábrese o sábado 25 de maio coa carreira polo Campus Sur. Logo virán a do Campus Norte (22 de xuño), a nocturna pola cidade vella (13 de xullo), a do Centro Comercial Compostela (14 de setembro) e a da Cidade da Cultura (13 de outubro).

O Circuíto estará aberto á participación de calquera deportista habitual ou eventual que desexe acceder á práctica libre e voluntaria do exercicio físico nos contornos da cidade nos que normalmente xa se practican diferentes deportes, en especial o atletismo.

Nas probas terán cabida atletas de case todas as idades, con distancias adaptadas a cada categoría que participe nas carreiras das que consta este Circuíto, o cal integrará un aliciente de motivación como é a competición. Así, en cada proba haberá un percorrido para escolares das categorías benxamín e alevín, un percorrido para infantil e cadete e outro para adultos a partir da categoría xuvenil. As probas comezarán de xeito habitual polas probas de escolares e rematarán coa disputa da proba de adultos.

Coa intención de que o deporte e, neste caso o atletismo, sexa un elemento integrador, este ano faranse dúas probas para atletas discapacitados nas categorías masculina e feminino (adultos e escolares). Serán a primeira (Campus Sur) e a derradeira (Cidade da Cultura). As inscricións para estes participantes realizarase na saída o mesmo día da proba.

Porase a disposición dos atletas duchas nas diferentes instalación deportivas municipais do Concello. A situación das mesmas e todos os detalles de cada carreira comunicaranse a través da web da Federación Galega de Atletismo, da web da Concellería de Deportes e dos diferentes medios de comunicación durante a semana da carreira.

Acompañaron ao concelleiro de Deportes na presentación do II Circuíto CorreSan, celebrada no Centro Comercial Compostela, José José Manuel Blanco, relacións externas de El Corte Inglés; Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo; Iván Sanmartín, delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo; e Pedro Nimo, atleta compostelán subcampión de España de Maratón.

Direcciones relacionadas



Compartir: