FESTAS

Música, xogos populares, deporte e monicreques para pechar a Ascensión

10/05/2013 Pasado o ecuador das Festas da Ascensión, o fin de semana de peche traerá diversas actividades musicais, deportivas e de lecer para todos os públicos. Unha desas citas é a XV Festa dos Maiores no recinto feiral de Amio.

Na xornada do sábado, na praza Roxa, haberá xogos populares para todos os públicos a partir das 12:00, momento no que dará comezo, dende a praza de Galicia, o percorrido da charanga Compostela polas rúas da zona nova. Repetirá actuación ás 20:00 horas. Pola tarde, na Casa das Asociacións, haberá demostracións do xogo popular da estornela.

Ás 13:00 horas, a Banda Municipal de Música ofrecerá un concerto composto por marchas e pasodobres, que marcará o inicio da Feira do Libro Antigo instalada na Alameda.

Ademais, o recinto feiral de Amio acolle un ano máis a Festa dos Maiores, que chega xa á súa XV edición. O xantar servirase a partir das 14:00 horas, con posterior sesión de baile e festa a cargo da orquestra Poceiro, con Miguel Torres.

Da avenida Xoán Carlos I (xunto á igrexa do Pilar) sairá a Volta Ciclista da Ascensión ás 16:00 horas. A proba terá como punto de chegada a mesma rúa. Previamente, pola mañá, a partir das 10:30 horas, haberá probas ciclistas de habilidade para os máis pequenos.

Os nenos teñen outra cita cos Monicreques de Kukas e o seu espectáculo Xan Perillán coa maleta máxica. Será na Zona C, en Bonaval, a partir das 17:30 horas, cun segundo pase ás 19:00 horas.

Dende as 17:50 horas, 13 corais ofrecerán recitais en diferentes emprazamentos da zona monumental para rematar todas xuntas na praza de Praterías ás 20:00 horas: Asubío e Voces do Camiño en Praterías, Sofía e Castiñeiriño no Toural, Coto da Nai e Pontemantible na Rúa Nova, Santa Susana e Irmán Gómez en Correos, Amigos de Compostela e La Salle en Cervantes e Xuntanza, Xúbilo e Castrosúa na Quintana. Este recital está coordinado pola Comisión de Corais de Compostela e dirixido por Angel Andrés Abel Souto, aos que o concelleiro de Festas, Francisco Noya, agradece a súa colaboración.

Tamén ás 20:00 horas, na Alameda, celebrarase un Campionato de Chave, mentres que no Teatro Principal, á mesma hora, Roberto Vidal representará o seu espectáculo A cabeza non para, que repetirá ás 22:30 horas.

Finalmente, Le poème harmonique, da man de Vicent Dumestre, presenta Esperar, sentir, morir, un conxunto de bailes de rúa e cancións cortesanas do século XVIII. Será na igrexa da Universidade (praza de Mazarelos) ás 20:30 horas. A orquestra Ciclón tocará na Alameda a partir das 22:30 horas. Durante todo o sábado, no Pavillón Municipal de Santa Isabel celebrarase o Campionato Galego de Bailes Latinos e Standard.

Domingo 12
O domingo 12, última xornada das Festas da Ascensión, as actividades comezan ás 9:30 horas. Dende as pistas de atletismo do Campus Sur está programada a saída da I BTT Compostela. A proba, organizada polo club BTT Ultreia e cun percorrido de 50 quilómetros, culminará cun xantar no restaurante do Monte da Condesa. Para aqueles que estean federados, a inscrición na proba ten un custo de 12 euros e para os demais o prezo é de 15 euros.

Cara o mediodía, a Banda Municipal de Música ofrecerá un concerto na rúa do Vilar. Os monicreques de Kukas repetirán o espectáculo do sábado, mantendo lugar e horario. Ao longo do día, no Pavillón Municipal de Santa Isabel celebrarase o Ranking Nacional e Open Internacional de Baile Deportivo.

Para rematar a xornada e poñer o broche final ás Festas da Ascensión 2013, a Orquestra Gaos ofrecerá no Auditorio de Galicia un concerto da man do director Fernando L. Briones.

Malia rematar o programa de actividades, as atraccións continuarán instaladas na Alameda ata o domingo 19. Coincidindo coa celebración do Día do Neno, os días 18 e 19, estas atraccións contarán cun 50% de desconto para os máis novos da casa.

Compartir: