TURISMO

Lavacolla contará este verán con doce conexións internacionais

10/05/2013 Lavacolla, o aeroporto central de Galicia, contará este verán con doce conexións internacionais, incluíndo tres novas conexións con respecto á temporada de verán do ano pasado: Estambul con Turkish Airlines, e Londres (Gatwick) e Basel con Easyjet. As restantes conexións directas dispoñibles serán: Londres (Stansted), Frankfurt e Milán con Ryanair; París e Zurich con Vueling; Xenebra con Easyjet; Dublín con Aer Lingus; Caracas con Air Europa; e Madeira con Sata. Estímase que entre estas conexións se superen os 300.000 pasaxeiros internacionais en Lavacolla.

Con estas conexións, Santiago de Compostela e Galicia estarán conectadas cos seus principais mercados internacionais emisores de turistas a través de Lavacolla: Alemaña, Reino Unido, Italia e Francia. Portugal, que é tamén un dos principais mercados emisores para Santiago e Galicia, terá unha conexión coa illa de Madeira.

Ademais, o 21 de maio, o aeroporto de Lavacolla celebrará a chegada de Turkish Airlines cun evento no que colabora Turismo de Santiago dentro do convenio de colaboración, sen ningún tipo de contía económica, que asinaron a compañía turca e a empresa municipal de promoción turística no pasado mes de xaneiro en Fitur.

A chegada de Turkish Airlines permitirá mellorar dun xeito substancial a comunicación con Asia grazas ao hub da compañía en Estambul, abrindo novas oportunidades en dous mercados considerados unha oportunidade para a cidade: Corea do Sur e Xapón, especialmente polo atractivo crecente que ten o Camiño de Santiago para ambos países.

Neste 2013 estímase que as conexións internacionais poidan superar en Lavacolla no conxunto do ano os 300.000 pasaxeiros. Deste xeito continuaríase co crecemento iniciado no ano 2012 no tráfico internacional de Lavacolla. O ano pasado houbo 277.219 pasaxeiros en conexión internacionais, con máis de 5.000 pasaxeiros ao ano, cando nos precedentes as cifras foron: 219.993 en 2011, 224.807 en 2010 e 212.043 en 2009.

Compartir: