EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música clausurou no Auditorio de Galicia as súas clases maxistrais de violín e o curso de cámara

11/05/2013 Como clausura das Clases Maxistrais de Violín da Escola Municipal de Música, que se viñeron celebrando dende este mes de febreiro, celebrouse un concerto na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Neste mesmo recinto púxose fin con outro concerto ao Curso de Música da Cámara.

O concerto peche das clases maxistrais correu a cargo do alumnado participante no curso e do seu profesor, Massimo Spadano, concertino da Orquestra Sinfónica de Galicia. Estiveron acompañados pola Orquestra de Corda da Escola Municipal de Música.

Un ano máis a EMM de Santiago de Compostela ofreceu, dentro do seu proxecto formativo, o Seminario de Clases Maxistrais, co obxectivo de ofrecer a aqueles alumnos que cursan estudos de música, unha oportunidade de afondar na técnica do seu instrumento, acompañados por profesorado dunha alta cualificación profesional.

O Seminario estaba dirixido a mozos e mozas a partir dos 12 anos, durante tres meses, con dúas sesións por mes. Cada alumno recibiu formación musical -tanto técnica como complementaria- dentro do seminario, traballando aspectos fundamentais como a análise das obras presentadas, interpretación, entre outros contidos. O seminario remata co devandito concerto no Auditorio de Galicia.

Polo que se refire ao Curso de Música de Cámara, iniciouse no mes de marzo e foi impartido por Anne Schlossmacher, violinista da Real Filharmonía de Galicia. Estaba dirixido ao alumnado da propia Escola. No concerto final, este poderá amosar o resultado do traballo realizado nestes meses.

Compartir: