CULTURA

"Bailadelas, mulleres bolañesas", de Teatro Antroido, no Principal con motivo da programación especial das Letras Galegas

08/05/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou presentou, con motivo das celebración das Letras Galegas 2013, unha das dúas obras que nos achegarán ao teatro de Roberto Vidal Bolaño, Bailadelas, acompañado de Laura Ponte, impulsora de Teatro Antroido e actriz da obra; Roi Vidal Ponte, adaptador do texto e autor, e Xavier Estévez, director. A outra obra prevista é Criaturas.

A representación de Criaturas, de Roberto Vidal Bolaño, será o venres 17 de maio, ás 21:00 horas, no Teatro Principal, con entradas a 10 euros. As funcións de Bailadelas, sobre textos de Roberto Vidal Bolaño, serán o sábado 18 e domingo 19 de maio, tamén ás 21:00 horas, no mesmo escenario e con entradas ao mesmo prezo. Non obstante, existe a posibilidade de adquirir o abono Roberto Vidal Bolaño para presenciar as dúas obras por 16 euros.

Teatro Antroido presenta Bailadelas, mulleres bolañesas, dirixida por Xavier Estévez, adaptada por Roi Vidal Ponte e interpretada pola actriz Laura Ponte, fundadora xunto con Roberto Vidal Bolaño da compañía Teatro Antroido, revivida para esta produción, onde a persoa e as personaxes de Vidal Bolaño protagonizan unha obra única para un ano único. É para Teatro Antroido unha obriga e un pracer dar a coñecer a obra deste gran home, deste grande ser humano, traballador incansable pola cultura, pola sociedade e pola lingua, e propiciar que as persoas que se acheguen a el (no teatro, na escrita, no cine..) fiquen para sempre enriquecidas.

Roi Vidal inspirouse nas personaxes femininas de Roberto Vidal Bolaño para levar a termo esta produción composta por seis cadros escénicos: Laudamuco, señor de ningures (Premio Abrente 1976), Bailadela da morte ditosa (Premio Abrente 1980), Saxo tenor (Premio Álvaro Cunqueiro 1991), Días sen gloria (Premio Rafael Dieste 1992, Finalista do Premio Nacional de Literatura 1992), Rastros e Criaturas (Premio Eixo Atlántico 2000, Premio Max 2001).

Este espectáculo fala da importancia da muller bolañesa e intenta pescudar as liñas mestras que caracterizan as súas personaxes femininas, demostrando ata que punto a muller encontra en todo o conxunto bolañés un papel en sintonía coa constante exaltación da dignidade humana e a loita pola liberdade presentes ao longo de toda a súa obra. Unha personaxe central, inspirada noutro dos textos do dramaturgo (Sen ir máis lonxe, 1999) vai unindo e presentando cada un dos cadros nunha conversa cun personaxe mudo, falando do xusto e do inxusto, do ben e do mal, do de aquí e do de acolá.

Os personaxes femininos deste espectáculo fálannos do poder liberador da revolución diante do servilismo e o sometemento, da xente sen esperanza, dos perdedores e dos marxinados, da afouteza e incredulidade dunha muller indo cara a Compostela, do amor e do desamor, da soidade non elixida, da crítica aceda e retranqueira da señora de misa diaria con veo incluído, ou daquela que elixe como acto final a liberdade que lle asiste a rematar coa súa vida.

De todo un pouco hai neste espectáculo para que o público poida gozar da poesía, da protesta, do non acomodarse, da reflexión, dos sentimentos encontrados, das contradicións, das miserias e das virtudes destas personaxes que Vidal Bolaño nos achega nestes seus textos.

Bailadelas terá funcións para o luns 13 e o martes 14 de maio, ás 12:00 horas, no Teatro Principal. Estas representacións están dirixidas a alumnos e alumnas da ESO e Bacharelato. É necesario reservar previamente.

Compartir: