EDUCACIÓN

Inglés no verán sen saír a fóra

09/06/2006 Ata 100 rapaces e rapazas de seis a doce anos poderán participar na English Summer School "Good morning, kids", a proposta da Escola Municipal de Verán de Inglés. "É unha proposta de interese para as familias que queiran aproveitar o verán para que os seus fillos melloren o seu nivel de inglés sen mandalos a outro país", apuntou Elvira Cienfuegos, responsable da Concellería de Educación e Mocidade, que organiza este curso en colaboración coa Piccadilly School of English.

A Escola de Verán de Inglés desenvolverase ao longo do mes de xullo, do 3 ao 28, en horario de 9 a 14 h. As clases realizaranse no IES Rosalía de Castro e a cota de inscrición é de 150 euros a tempo completo e de 90 euros por unha quincena. As sesións serán impartidas por profesorado nativo e licenciado polas universidades do seu país.

O desenvolvemento diario da escola dividirase en tres tempos. O primeiro realizarase á primeira hora da mañá e consistirá nunha clase de inglés no que o enfoque principal vai ser que os nenos e nenas adquiran fluidez e soltura á hora de conversar. O profesor poderá traballar as estruturas gramaticais e a pronunciación, procurando que os escolares podan poñer en práctica todo o vocabulario e gramática que aprenden ao longo do curso escolar, con especial atención a súa pronunciación e comprensión.

A segunda parte estará formada por obradoiros, todos eles en inglés, onde cada grupo realizará un obradoiro distinto dos que se propoñen. En particular, a oferta componse de obradoiros de fotografía, cociña, teatro, medios de comunicación e artes plásticas. A terceira parte da mañá completarase cun conxunto de actividades tales como as visitas guiadas a centros de interese da cidade, xogos populares e tradicionais ingleses, sesións de contacontos e grandes xogos, entre outras propostas.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: