FESTAS

Concursos morfolóxicos e de doma nunha nova edición da Feira Cabalar da Ascensión

08/05/2013 O concelleiro de Festas, Francisco Noya presentou as actividades da Feira Cabalar da Ascensión, acompañado por Xacobe Pérez, da Asociación de Cabalos de Pura Raza Galega. Na rolda tamén estiveron dous domadores que luciron o novo traxe de gala creado na honra dos defensores do Camiño e que leva na fronte a Cruz de Santiago.

As actividades desta Feira, que se celebra no xoves grande da Ascensión no recinto feiral de Amio, comezarán ás 9:30 horas coa apertura do prazo de inscrición dos participantes na Copa Galicia de Pura Raza Galega. A continuación, o xurado precederá á comprobación do microchip electrónico dos participantes para dar comezo as probas, divididas en dúas seccións: cabalos e eguas maiores de tres anos de idade.

Xa ás 11:00 horas, todos aqueles que o desexen poderán participar nun concurso aberto de cabalos e eguas de razas cruzadas. A partir das 12:30 horas, na pista a carón da nave central, 35 xinetes procedentes de toda Galicia realizarán dúas probas de andadura galega, nas modalidades de serrada e chapeada. Ao final farase entrega de seis premios por cada unha das modalidades.

A partir das 13:00 horas, realizarase un número de monta antiga á amazona. Esta modalidade rememora a monta utilizada polas damas nas monterías á lombo dos seus cabalos. A domadora Sandra Borja ofrecerá unha serie de exercicios acompañada musicalmente polo cantaor Roberto Escudero.

A esa mesa hora presentarase o espectáculo de doma de alta escola e doma en liberdade. Ademais, farase entrega do Trofeo Dragóns de Santiago, ao cabalo ou egua de pura raza galega que obteña maior puntuación nos concursos celebrados nese día.

Durante toda a mañá poderase visitar na nave central a VII Exposición Nacional de Cabalos e Eguas de Pura Raza Galega. Ademais, os máis pequenos terán á súa disposición, dende as 11:00 horas, a Escola Infantil de Monta de Ponis.

Compartir: