CIDADE HISTÓRICA

O Consorcio de Santiago restaurará sete fontes do Casco Histórico

07/05/2013 O Consorcio de Santiago vai investir 93.000 euros no proxecto de restauración de sete fontes do Casco Histórico. O proxecto foi autorizado pola Comisión Asesora do Casco Histórico, de cuxos acordos informou a concelleira de Urbanismo, María Pardo.

A actuación do Consorcio permitirá realizar unha "mellora estética e funcional" de sete fontes, nas que se limpará a pedra e se limparán e cambiarán canos. As fontes restauradas serán as situadas en: Virxe da Cerca, Santa Clara, Fonte Sequelo, Toural, San Martiño Pinario, Porta do Camiño e Fonseca. O prazo de execución destas obras é de dous meses.

María Pardo resaltou a importancia destas obras no proceso de recuperación das máis de 40 fontes do Casco Histórico. Restaurada a de San Roque e con estas novas obras, avanzase na intención do Goberno municipal de por en funcionamento a totalidade destas fontes da zona histórica.

Cafetería na Alameda
Entre os acordos da Comisión Asesora do Casco Histórico tamén figurou a concesión da licenza de derrubo e do proxecto básico da futura cafetería da Alameda. A concelleira anunciou que a concesionaria ten previsto presentar o proxecto de execución no prazo dun mes.

Tamén deu o visto bo ás obras de limpeza e impermeabilización da fachada da igrexa de San Francisco. Executaranse por un importe de 43.000 euros máis IVE.

Malia ser actuacións de pequeno tamaño, María Pardo salientou a concesión de ata 10 licenzas de obra no chamado perímetro azul. Constatou deste xeito a axilización dos procedementos a raíz da cesión de competencias para concesión de licenzas neste ámbito, xa que se trata de licenzas solicitadas no mes de marzo. Con anterioridade, dixo, a necesidade do informe da Dirección Xeral de Patrimonio demoraba estas licenzas de dous a tres meses.

EDAR do Souto
A concelleira aproveitou tamén a rolda de prensa para anunciar que na Xunta de Goberno deste mércores será informado o convenio que subscribirán o Concello, a Xunta e Acuanorte para a execución da estación depuradora de augas residuais (EDAR) do Souto.

Compartir: