TURISMO

As cidades Patrimonio da Humanidade de España promociónanse en Portugal, un mercado turístico estratéxico para o Grupo

06/05/2013 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España participa a partir do luns 6 de maio nunhas xornadas, promovidas pola Oficina Española de Turismo en Lisboa, xunto a unha escollida selección de empresas do sector turístico, como Travelplan, Meliá, Iberia, Air Berlin e Air Europa, entre outras.

No transcurso da semana e dos diferentes workshops que Turespaña organizou nas cidades de Braga, Porto, Coimbra e Faro, as Cidades Patrimonio da Humanidade terán ocasión de presentar as novidades da oferta turística e cultural das 13 cidades que integran o Grupo aos preto de 500 axentes de viaxes e turoperadores que se darán cita nestas xornadas.

Portugal é o sexto mercado emisor de viaxeiros para o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, que en 2011 recibiu más de 82.000 turistas do país veciño. O comportamento dos turistas portugueses experimentou notables cambios nos últimos tempos debido á crise económica do país, que leva tres anos aplicando duras medidas de austeridade e control do déficit. Varios estudios apuntan á xeneralización de viaxes máis curtas, máis frecuentes e con menor gasto, polo que se impón a busca de destinos próximos, como é o caso dos destinos españois, o que aconsella a aposta por este mercado, que se converte por iso en fundamental para as Cidades Patrimonio.

O Grupo
O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1993 cuxo obxectivo é actuar de maneira conxunta na defensa do patrimonio histórico e cultural das cidades que o compoñen: Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona e Toledo.

Compartir: