ALCALDÍA

Xunta e Concello perfilan o convenio para a execución da EDAR do Souto

03/05/2013 Concello, Xunta de Galicia e Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente seguen a traballar de xeito coordinado para axilizar a actuación da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) do Souto. Superado o trámite de impacto ambiental, estase a avanzar para asinar o convenio entre as tres administracións para a execución da infraestruturas. Así se constatou na reunión mantida en Raxoi polo alcalde, Ángel Currás, e a concelleira de Medio Ambiente, María Pardo, co conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández.

O alcalde felicitouse dos pasos dados ata agora, que conducirán á sinatura do convenio. Ademais, lembrou que, en paralelo, segue a tramitación do proxecto, co fin que as obras se poidan iniciar durante o ano 2014, segundo indicou o conselleiro. "Temos o compromiso de chegar en tempo para a aplicación dos fondos europeos", apuntou sobre os prazos.

Volvendo ao convenio, Agustín Hernández, avanzou que o Consello da Xunta autorizará este mes este documento, polo que se executarán as obras da EDAR. Esta infraestrutura hidráulica, declarada de interese xeral do Estado, suporá un orzamento de 59.777.245 euros, dos que Acuanorte achegará o 70% e a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago achegarán o 30% restante a partes iguais, aproximadamente 9 millóns de euros cada unha das dúas administracións.

Cambio acertado
Hernández defendeu os pasos dados ata agora para facer viable a depuradora e o cambio de ubicación ata o lugar do Souto, xa que no proxecto tramitado polo anterior Goberno non se fixera unha análise acertada das alternativas. Sinalou que o estudo de impacto da nova ubicación, que se someterá a información pública a finais de maio o principios de xuño, revela na súa análise de alternativas que a do Souto é a mais viable dende o punto de vista ambiental.

O anteproxecto que recolle esta nova ubicación está practicamente rematado, e para a nova tramitación ambiental realizouse un novo estudo de alternativas, con máis información que o anterior.

Cómpre sinalar que para o novo anteproxecto volvéronse a analizar os parámetros de auga necesarios para o vertido, así como a carga e o caudal de entrada na nova depuradora. Os requisitos son máis esixentes que os considerados no seu momento, o que invalida o antigo deseño da EDAR, que non aseguraría en todo momento a boa calidade da auga do Sar.

No novo estudo avaliouse o impacto dos cheiros nos arredores das dúas ubicacións posibles, a de Silvouta e a do Souto. A conclusión é que de executarse en Silvouta, o cheiro sería recoñecible nos núcleos de Silvouta e Pardiñas. No caso do Souto, non será recoñecible en ningún núcleo.

Para comparar as dúas alternativas, fíxose unha análise multicriterio, que como resultado determina que O Souto é unha opción máis axeitada que a antiga de Silvouta.

Esta actuación implica a prolongación dun colector interceptor do río Sar ata a nova depuradora; a construción dunha nova depuradora con capacidade para 264.000 habitantes, con eliminación de nutrientes por vía biolóxica, tratamento terciario e tratamento de lodos. Os traballos tamén implicarán o derribo da actual EDAR e a recuperación ambiental e paisaxística da súa ubicación actual.

Plan Especial da Cidade Histórica
Outro dos temas abordados na reunión foi o Plan Especial de Protección da Cidade Histórica de Santiago de Compostela. A Consellería colaborará co Concello na redacción da modificación deste Plan, achegando o 50% do importe necesario (226.000 euros) para a devandita revisión. Esta colaboración plasmarase proximamente nun convenio.

O alcalde destacou a necesidade de abordar este cambio do Plan Especial, que data de 1997, para que "o Casco Histórico recupere a vitalidade perdida nos últimos anos", nos que foi perdendo poboación. Referiuse ás dificultades de accesibilidade e mobilidade existentes na actualidade e á necesidade de "dotar á zona vella de vida e áreas comerciais pensadas para os cidadáns, non só para o turismo".

Tratarase de elaborar un marco normativo en materia de urbanismo que definirá e pautará o desenvolvemento das políticas de rehabilitacións dos edificios, vivendas e locais comerciais nos próximos anos.

Variante de Aradas e AP-9
O conselleiro aproveitou a súa comparecencia para dar conta da marcha da actuación da variante de Aradas. Redactado o proxecto, a intención do seu Departamento é comezar as expropiacións neste mesmo ano.

Sobre outra infraestrutura viaria, a AP-9, Ángel Currás e Agustín Hernández felicitáronse da decisión da concesionaria de licitar a obra de ampliación da mesma ao seu paso por Santiago. Respecto á construción dun enlace desta autopista coa Cidade da Cultura, o conselleiro indicou que a Xunta seguirá reclamando que sexa a Administración do Estado quen o execute.

Documentos relacionados



Compartir: