ALCALDÍA

Compostela fai a súa achega ao novo Estatuto

09/06/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, compareceu na Comisión para a Reforma do Estatuto, onde demandou que o novo texto recoñeza plenamente a Santiago como capital de Galicia. Ademais desta proposta, reclamou "fórmulas" que garantan a equidade na prestación de servizos nas sete grandes cidades e unha defensa "clara e nítida" da lingua galega.

Sánchez Bugallo indicou que o novo Estatuto debe resolver "unha carencia histórica" no recoñecemento de Santiago como capital de Galicia e suxeriu unha fórmula como a que se contempla no Estatuto de Capitalidade, "que di que Santiago é a capital de Galicia e a sede das institucións autonómicas". Para o alcalde, esta é a definición "que responde ao sentir xeral de Galicia e ao sentir unánime da Corporación municipal de Santiago".

Outro dos eixos da intervención do alcalde compostelán foi o sistema de sete grandes cidades de Galicia. "Creo que sería importante que o Estatuto dese por zanxado este tema e que puidera recoller algún tipo de fórmula no sentido de que en cada unha das sete cidades se garanta unha equidade na prestación de servizos", sinalou.

O alcalde tamén se referiu á organización territorial e demandou un Estatuto capaz de encaixar os cambios do futuro: "Non debemos afrontar a elaboración dun novo Estatuto pensando que ao cabo de cinco anos imos intentar cambialo, senón que debemos pensar nun Estatuto que poidamos desenvolver ao longo de novas décadas e que, polo tanto, cree un marco estable de relación co conxunto de España e un marco de traballo na nosa Comunidade".

Despois de situar no seu contexto histórico a distribución territorial de Galicia, Sánchez Bugallo falou das fins que debe ter a mesma, consistentes en "prestar os mellores servizos posibles aos nosos cidadáns e garantirlles o máis elevado nivel de calidade de vida". Nesta liña, referiuse tamén á delimitación de competencias. "Creo que o novo Estatuto non pode profundizar nesta materia, porque é o suficientemente complexa como para requerir que se trate con paciencia e con tempo, pero si debe ter o marco competencial necesario e suficiente para que no futuro o Parlamento de Galicia poida regular esta materia".

Defensa do galego

O rexedor compostelán pechou a súa intervención cunha defensa do galego, que sinalou como "a lingua propia de Galicia, sen desmerecer o dereito dos cidadáns a ser atendidos en castelán". Sánchez Bugallo lembrou que os dous idiomas non parten dunha situación de igualdade, senón que un vén dunha situación de "dominio absoluto" en tódolos ámbitos, mentres que o outro parte de 500 anos de "obstracismo e marxinación".

Ao seu xuízo, "unha aposta clara e nítida do Estatuto ten que ser a defensa do noso idioma como elemento esencial da nosa personalidade, como piar básico da nosa cultura e como elemento que nos dá unha condición de singularidade". Nese sentido puxo como exemplo o propio Santiago, "un Concello que dende o ano 1985 ten declarado o galego como idioma oficial, e que dende 1987 ten aprobado un regulamento que converte o galego na lingua habitual de funcionamento ordinario da propia institución".

Compartir: