EDUCACIÓN E NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Os escolares composteláns comezan a elaborar o seu conto viaxeiro

02/05/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e as concelleiras de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, e de Educación, María Castelao, asistiron no colexio San Pelayo-Emma ao inicio do programa O conto viaxeiro, que se desenvolverá ao longo do mes de maio en varios centros escolares. Este proxecto permitirá aos escolares ir construíndo a súa historia ao longo de dez sesións.

O conto viaxeiro busca dinamizar o uso da lingua e mellorar a creatividade literaria e artística dos máis novos. Neste sentido, o mundo dos contos é especialmente idóneo para mellorar e ampliar o uso oral. O programa componse de dez sesións de hora e media de duración, nos que participarán outros tantos grupos-aula dos centros escolares. Os monitores da actividade achegaranse aos colexios e traballarán co grupo para estimular a súa expresividade e creatividade artística.

Escolares de Primaria do Colexio San Pelayo-Emma iniciaron unha historia, conducidos polos guías, que se irá continuando en cada unha das seguintes sesións ata completar un texto ilustrado que se vai difundir a través da bitácora de O conto viaxeiro. En cada unha destas sesións iranse introducindo os elementos constituíntes do conto –os lugares, os personaxes, as situacións-, favorecendo asemade, o coñecemento e a reflexión sobre o contorno lingüístico e cultural.

O blog do proxecto irá dando conta da progresión do conto e do traballo dos nenos e nenas e tamén incorporará propostas de utilización didáctica do material para as idades de referencia (primeiro e segundo ciclo de educación primaria), ás que poderán acceder libremente o profesorado e as familias.

Direcciones relacionadas



Compartir: