UMAD

Fútbol e cultura urbana como alternativa socializadora e de lecer para os mozos e mozas de Santiago de Compostela

30/04/2013 Retomando as liñas do Plan de Acción Local para Prevención das Drogodependencias, a concelleira de Benestar Social, María Castelao, presentou tres actividades de lecer e tempo libre, dirixidas a mozas e mozos, que executará a Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD). Estas accións son financiadas nun 70% cunha subvención do Ministerio de Sanidade, procedentes dos bens decomisados por tráfico de drogas e outro delitos relacionados.

O obxectivo destas actividades é facilitar a práctica de diversas actividades, deportivas, culturais ou de lecer a aqueles mozos que non atopan lugares onde desenvolvelas. Trátase de impulsar alternativas de ocio que máis adiante se poidan levar a cabo xa sen intermediación e de forma autónoma polos propios mozos. As actividades comezan o venres 3 de maio.

+ que fútbol
Unha das actividades que se pon en marcha é a denominada + que fútbol. A esencia deste proxecto reside en potenciar o carácter socializador que ten este deporte, cun enfoque claramente preventivo e integrador. O seu obxectivo é que aqueles mozos que, sen desexar unha actividade regrada, desexan xogar ao fútbol, poidan facelo.

Formaranse equipos informais, estableceranse uns calendarios de liga e realizarase unha merenda ao rematar. Ademais, faranse entrevistas e editarase un boletín de liga, un vídeo e un rap do + que fútbol. O éxito de está actividade foi tal que, na edición do ano 2012, en actividades puntuais, chegáronse a xuntar ata 70 persoas para compartir o fútbol. Esta actividade realizarase os venres, de 18:30 a 20:00 horas, no pavillón polideportivo de Quiroga Palacios. A única condición e ir a pasalo ben.

Escola de Breakdance
O breakdance é unha actividade moi atractiva, aditiva e motivadora posto que permite un elevado grao de liberdade nas regras. Esta modalidade de baile ten unha orientación lúdica e emocional que facilita e favorece a súa utilización como fonte de divertimento e enriquecemento persoal, permitindo que todos e cada un dos practicantes sexan capaces de encontrar a forma e a situación de experimentación á súa medida. Mediante o breakdance desenvólvense capacidades físicas e mentais, novas formas de relación cos demais, adquírese unha disciplina baseada en normas e valores e, finalmente, ocúpase o tempo.

Coa Escola de Breakdance, a UMAD quere ofertar unha actividade que teña continuidade no tempo e que permita a creación dun novo grupo entre os seus participantes, propiciando a integración desta actividade nos adolescentes como práctica cotiá. A Escola funcionará no Centro Sociocultural de Fontiñas os venres, de 18:00 a 19:30 horas.

Escola de Skateboard
Finalmente, a concelleira presentou a Escola de Skateboard. Esta é a disciplina de cultura urbana máis practicada pola xuventude galega, con máis de 150 aficionados no municipio de Santiago, onde a día de hoxe residen varias promesas que destacan a nivel autonómico e nacional.

A Escola de Skateboard ten como obxectivo principal facilitar un espazo de ocio saudable á xuventude, no que poidan gozar dunha actividade lúdica, participando activamente e colaborando cos compañeiros nas tarefas marcadas polo profesor durante as clases. Por outra banda, preténdese potenciar o uso dos espazos públicos dispoñibles en Santiago adecuados para a práctica desta disciplina, como é o caso da pista de skate (skatepark) situada na praza da Constitución, promovendo desta forma un uso responsable dos espazos públicos.

Esta Escola, que realizará as súas actividades na devandita pista da praza da Constitución, detrás do Parlamento de Galicia, funcionará os venres pola tarde, de 18:00 a 19:30 horas. Se chove, a actividade de skate trasladarase ao vello centro educativo Ramón Cabanillas os sábados pola maña, de 11:30 a 13:00 horas.

Acompañaron a María Castelao na presentación destas actividades o técnico da UMAD Jorge Carballido e, en representación de Vella Escola, asociación encarga das actividades de cultura urbana, Pablo Castiñeira.

Compartir: