NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Comeza en Facebook e Twitter o concurso de lemas da campaña "Gústame o galego"

29/04/2013 Este luns 29 comezou a recollida de lemas, a través de Twitter e Facebook, da campaña Gústame o galego, incluída no calendario de actividades preparado pola Concellería de Normalización Lingüística con motivo do Día das Letras Galegas.

O paso da campaña Gústame o galego por Santiago acompáñase dun chamamento público a través das redes sociais para colaborar facendo achegas de lemas que se sumarán aos xa creados. As persoas que desexen participar poden facelo a través de Facebook e Twitter. As normas están accesibles no perfil da campaña Gústame o galego. As autoras ou autores dos lemas máis votados polos internautas recibirán un e-reader que será entregado o Día das Letras Galegas na praza do Toural.

O Concello súmase tamén cun fotocol na praza do Toural, o 17 de maio, a esta campaña Gústame o galego, que naceu do viveiro de proxectos da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua e que está percorrendo diferentes lugares de Galicia. Cun ton positivo e propositivo, esta iniciativa procura reflectir e poñer cara a persoas reais e ás súas demandas e desexos acerca da normalización do uso da lingua.

O fotocol estará aberto na praza do Toural de 11:00 e a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas (en caso de choiva, a xornada de tarde trasladarase ao Auditorio de Galicia). Todas as fotos estarán accesibles en Facebook para invitar asemade a que poidamos compartir os bos propósitos.

Outras actividades
Ademais deste fotocol e do concurso de lemas, as concellerías de Normalización Lingüística e de Educación prepararon outras dúas actividades para o Día das Letras Galegas, enmarcas nunha xornada titulada En galego con todas as letras. Unha delas é o obradoiro creativo Renova a camisola con Vidal Bolaño, destinado a nenos e nenas de 3 anos en diante, que poderán deseñar as súas camisetas incorporándolles unha ilustración e un texto que deben crear e plasmar eles mesmos.

Este obradoiro pretende reforzar a identificación e o coñecemento actor e escritor compostelán Roberto Vidal Bolaño traballando sobre a súa imaxe –coa coñecida silueta do autor- e tamén coa escrita creativa que aplicará distintas dinámicas en función das idades: escribir un poema empregando o nome do autor, de xeito que cada unha das letras que constitúen ese nome sexa ao mesmo tempo a inicial de cada verso do poema; usar frases recoñecibles e significativas, extraídas das obras de Vidal Bolaño, para adaptalas ao contexto de lema nunha camisola...

Ademais, a actividade busca transmitir unha achega aos conceptos da reciclaxe e sobre todo a reutilización, polo que se solicita ás e aos participantes que traian vellas camisetas usadas, a poder ser lisas, é dicir, sen deseños orixinais xa da propia camisola. Non obstante, a organización disporá tamén de camisetas para llas proporcionar aos posibles participantes que non a traian ou que se acheguen ata o obradoiro sen te-lo previsto.

A cita será no Toural de 12:00 a 14:00 horas e, en caso de chuvia, trasladarase ao interior da Fundación Granell.

Para completar a xornada visitaranos a proposta musical de Pablo Díaz para toda a familia. O concerto Tic-tac, baseado nas composicións do libro-disco homónimo, é sen dúbida un dos espectáculos máis exitosos do vizoso panorama da música infantil galega nos últimos anos. É ademais un dos casos nos que máis precisa se amosa a etiqueta "para público familiar", xa que ten sobradamente demostrada a súa capacidade para interesar ao máis amplo abano de idades: a iso contribúe o eclecticismo rítmico e estilístico da proposta, que deambula con total liberdade e comodidade entre o rock and roll e as melodías tradicionais máis alegres. Para esta ocasión agárdase que a banda xunte ao seu repertorio habitual algunhas cancións novas do disco que están a preparar.

Este concerto comezará ás 19:00 horas e celebrarase na praza do Toural, ou no Auditorio de Galicia en caso de chuvia.

Compartir: