TURISMO

Os hoteis composteláns gañan en maio seis mil pernoctacións sobre 2005

08/06/2006 Para o concelleiro de Turismo, Francisco Candela, ‘o conxunto de indicadores turísticos do pasado mes –con crecementos sobre 2005 do 9,8% nas pernoctacións, 9% nas consultas turísticas e 7% no tráfico de pasaxeiros en Lavacolla - amosan un claro desenvolvemento do sector’.

De acordo cos datos presentados por Turismo de Santiago-Incolsa, o pasado mes de maio os estabelecementos hoteleiros de tres a cinco estrelas da cidade rexistraron 66.646 noites de aloxamento, un 9,8% máis que en 2005.

Os hoteis de 3, 4 e 5 estrelas, con 3.742 prazas –609 máis que no 2005- lograron pois facturar case 6 mil noites máis que no mesmo mes do ano anterior, cando se contabilizaron 60.686 pernoctacións.

Para o concelleiro compostelán de Turismo, Francisco Candela, o lixeiro descenso da porcentaxe de ocupación media de maio de 2006 (54,7% para o nivel superior, 3 puntos menos que no 2005 segundo a Asociación de Empresarios de Hostalería) podería explicarse polo crecemento de prazas hoteleiras, con aperturas tan recentes como as do NH Obradoiro e o Hotel Monumento San Francisco.

‘Os hoteis recén instalados comezan a poñer en funcionamento as súas canles de comercialización, que tardan un tempo en acadar os niveis de ocupación media da hotelería máis estabelecida’, dixo Candela.

As consultas turísticas crecen un 9%
As oficinas municipais de Turismo atenderon en maio un total de 11.389 consultas, un 9% máis que no mesmo mes do 2005.

O crecemento procede especialmente das consultas de estranxeiros, que aumentaron un 15% sobre maio do 2005, mentres que as de españois baixaron nun 4%.

As consultas acumuladas –40.562 entre xaneiro e maio do 2006- superan así mesmo nun 15% ás 35.221 rexistradas nos primeiros cinco meses do 2005. O crecemento provén sobre todo do turismo estranxeiro, cuxa presenza nas oficinas turísticas creceu un 33% entre 2005 e 2006, mentres que o español permaneceu case invariabel (-1%).

Entre as comunidades autónomas españolas mantéñense como principais emisoras Madrid, Andalucía e Cataluña (as dúas últimas con repuntes do 2% e 33% respectivamente) e incorpórase o País vasco, cun crecemento do 19%. Baleares amosa así mesmo un 20% máis de consultas.

Entre os emisores estranxeiros, destacan Alemaña, Francia, Reino Unido e Italia. Respecto a maio do 2005, crecen significativamente as consultas de italianos (110%) alemáns (38%), franceses (28%) e austríacos (63%). Entre outros mercados, chaman a atención os aumentos que amosan as consultas de belgas (57%), australianos (56%) e canadenses (22%).

Aeroporto de Lavacolla
Finalmente, Turismo de Santiago estimou para o aeroporto de Lavacolla un tráfico duns 168 mil pasaxeiros este pasado mes, un 7% máis que no mesmo mes do 2005, cando rexistrou 157.102.

Desta maneira, Lavacolla acumularía uns 744.434 viaxeiros nos primeiros cinco meses de 2006, que (73.062 máis que no mesmo período do 2005) e mantería un crecemento medio do 10,8% sobre o ano pasado.

As cifras superan lixeiramente ás da comparativa 2005-2004, cando no mesmo período o aeroporto compostelán gañou 64.397 e marcou unha media de crecemento do 10,7% sobre 2004.

Consultas á web
A web Santiagoturismo.com recibiu en maio 54.800 visitas, un 52,7% máis que en maio do 2005.

De acordo coas estatísticas de Google Analytics, un 70% son novos usuarios e un 30% usuarios recorrentes. A meirande parte (67,9%) atopa a web a través de Google; un 11,18% a través de Yahoo e un 14,1% directamente, mentres que da web de Ryanair procede o 1,66% dos accesos.

Compartir: