FESTAS

Á venda a partir do luns as entradas para a XV edición da Festa dos Maiores

27/04/2013 O sábado 11 de maio celebrarase unha nova edición da Festa dos Maiores no recinto feiral de Amio, no marco das Festas da Ascensión. As entradas, a un prezo de 7 euros, poderán mercarse a partir deste luns, 29 de abril, nas billeteiras do Teatro Principal, en horario de 10:00 a 13:00 horas.

O menú desta tradicional Festa dos Maiores estará configurado por: empanada de bonito ou bacallau, polbo á feira, carne ao caldeiro con patacas, tarta de Santiago e larpeira, pan, bebida e café. Este ano animará o baile despois do xantar a Orquestra Poceiro, con Miguel Torres.

O Concello pon á venda 2.000 entradas a un prezo simbólico de 7 euros. Cómpre lembrar que para o Concello o custo é de 20 euros por menú. As entradas poden mercarse no Teatro Principal dende o luns 29 de abril, de 10:00 a 13:00 horas todos os días ata rematar as entradas.

E imprescindible estar empadroado no Concello de Santiago para poder mercar as entradas da Festa dos Maiores, polo que haberá que demostralo na billeteira por medio do Documento Nacional de Identidade. Os últimos días, en caso de haber prazas dispoñibles, os habitantes doutros concellos poderán comprar as entradas para poder asistir.

XV edición
Cando no ano 1998 xorde a idea de organizar, dende o Concello de Santiago, un xantar de confraternización e achegamento cos maiores do noso municipio, este cometido foi asumido pola Concellaría de Festas e levado a cabo dentro do programa festivo da Ascensión. Este evento tivo continuidade, sempre coincidindo con estas festas e coa mesma filosofía: organizar unha actividade dentro das festas que realmente tivese o respaldo da xente maior, que fose íntegro para eles e que os fixera sentir partícipes das festas cun un día especial no que realmente fosen protagonistas da programación.

A financiación do xantar sempre formou parte da actividade e máis neste tempo de crise no que boa parte destas persoas non podería acudir a esta xornada se o Concello non financiase gran parte do xantar, por ser xente con recursos limitados. Tamén se financia a orquestra, a montaxe, o transporte e toda a infraestrutura que se require para levar a cabo esta Festa dos Maiores.

Compartir: