PLENO

A Corporación aprobou inicialmente o orzamento municipal para 2013

25/04/2013 Nunha sesión extraordinaria, o Pleno da Corporación aprobou inicialmente o orzamento municipal para este exercicio 2013, así coma o seu cadro de persoal. Tamén se deu conta da liquidación do orzamento de 2012 nesta sesión extraordinaria, que precedeu á ordinaria e na que tamén tomou posesión como concelleiro o popular José María Rosende Rico.

Cos votos favorables do grupo de Goberno e o pronunciamento negativo de PSdeG-PSOE e BNG, aprobáronse inicialmente unhas contas 2013 cuxas principais liñas foron explicadas no Pleno pola concelleira de Facenda, Cecilia Sierra. O orzamento para o presente exercicio prevé uns gastos de 93.284.729 euros e uns ingresos de 96.525.739 euros, cun superávit de 3,5 millóns de euros. Estas contas, segundo a edil, están marcadas polas políticas de promoción do emprego e o investimento, a blindaxe do gasto social e dos servizos públicos básicos, a promoción económica e a equidade fiscal.

En canto ás políticas activas e preventivas de emprego e os investimentos, salienta o incremento do 112% da partida destinada a este fin respecto a 2012, quedando en 933.000 euros. Respecto ao carácter inversor destes orzamentos, os investimentos aumentan un 101%, de tal xeito que se destinarán 7.629.778 euros a este concepto.

O segundo eixe de actuación é a blindaxe do gasto público e dos servizos públicos básicos. Así, a área de protección e promoción social incrementa o seu orzamento nun 27% respecto a 2012. No capítulo dos servizos públicos básicos, mantéñense as partidas.

Outro dos eixes deste orzamento 2013 é o apoio aos sectores produtivos como instrumento en prol dun crecemento duradeiro e estable. Así, as axudas e accións destinadas ao tecido económico da cidade aumentan algo máis dun 10%. Dous proxectos, o Urbana Santiago Norte e o Santiago Investors Support concentran as actuacións neste eido.

Finalmente, a aposta pola equidade fiscal tradúcese nunha loita contra o fraude fiscal, cun estrito plan de control tributario que pretende facer aflorar 3 millóns de euros.

Superávit
O orzamento contempla 96.525.739 euros de ingresos. Esta suba deriva fundamentalmente da maior recadación fiscal prevista, da suba das transferencias correntes e de capital e do incremento do IBI.

O orzamento de gastos é de 93.284.729 euros, 2.598.829 euros máis, o que supón 3,5 millóns de euros máis que no exercicio anterior. Non obstante, parte deste superávit poderíase destinar á devolución de ingresos derivada da sentenza xudicial da operación Peleteiro, por importe de 2.603.674 euros, de ter que executarse esta sentencia e unha vez aprobada a posibilidade deste fin polo Ministerio de Facenda.

Liquidación 2012
Tamén se deu conta neste Pleno da liquidación do orzamento de 2012, que deixa un remanente positivo de case 1,9 millóns de euros e un nivel de endebedamento que se sitúa en 60,5 millóns de euros. O exercicio pechouse un resultado orzamentario positivo de case 17,7 millóns de euros.

Toma de posesión
Nesta sesión tomou posesión do cargo de concelleiro do grupo municipal do Partido Popular José María Rosende Rico. Nado en 1963 e veciño do Casco Histórico, está casado e ten unha filla. Traballa coma administrativo na empresa compostelá FINSA.

Urbanismo
En materia de Urbanismo, o Pleno, xa na súa sesión ordinaria, aprobou por unanimidade a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no ámbito do P-40, na Rocha. Tamén tomou coñecemento da aprobación definitiva doutra modificación do PXOM e do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago (PE-1) na rúa San Miguel dos Agros, 5.

Compartir: