COMERCIO

Servizo de flocos de millo gratuíto o venres 26 de abril dentro do programa de dinamización Santiago Comercio de Cine

25/04/2013 A campaña dos Premios ao Comercio Compostelán 2013. Santiago Comercio de Cine, que está a ter unha boa acollida pola cidadanía, ten coma data límite o día 8 de maio para que os comercios da cidade se inscriban nas diferentes categorías e os composteláns fagan as súas votacións nas categorías de Comercio Agarimo e Comercio de Barrio.

Con respecto ao ano 2012, as cifras reflicten o crecente interese e éxito da campaña entre os comerciantes e consumidores da cidade:

- Os comercios inscritos en 2012 foron 28, fronte aos 44 xa inscritos nesta edición nas distintas categorías, a día de hoxe todas elas xa cubertas cun número significativo de candidatos.

- Se nos referimos ó número de votacións, tamén aumentaron nas diferentes categorías:
Votacións premio Agarimo: en 2012 foron 127, mentres que en 2013 levamos 474.

Votacións premio Comercio de Barrio: en 2012 foron 140 e en 2013 levamos 174.

Unha das accións de promoción, dentro deste programa, que ten por obxectivo a dinamización comercial da cidade, así como a homenaxe ao noso comercio, terá lugar o venres 26 de abril na praza de Cervantes. Dende as 18:30 ata as 20:30 horas, colocarase un servizo de flocos de millo na devandita praza, para que tódolos composteláns que o desexen se acheguen a degustar uns flocos de millo gratuitamente.

Lémbrase tamén a tódolos artesáns que tamén o 26 de abril remata o prazo para inscribirse no concurso do deseño do galardón que recibirán os comerciantes gañadores na recepción que terá lugar no Concello o próximo 23 de maio.

Direcciones relacionadas



Compartir: