TURISMO

As pernoctacións en Santiago subiron un 27,3% no mes de marzo

25/04/2013 Durante o pasado mes de marzo producíronse 72.845 pernoctacións na cidade, que representan un crecemento do 27,3% respecto ás 57.210 do mesmo mes do ano anterior, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). O crecemento apoiouse en importantes aumentos de pernoctacións tanto domésticas como internacionais.

As pernoctacións domésticas foron 51.274, un 21% máis que o ano pasado. As pernoctacións internacionais foron 21.571, cun crecemento do 45,4% respecto o ano anterior. Foi o primeiro mes de marzo no que se superou a barreira de 20.000 pernoctacións internacionais. A anterior mellor marca neste mes databa do 2007, cando houbo 18.098.

Os datos de marzo permitiron que no primeiro trimestre houbese un aumento do 11,1% nas pernoctacións, chegando ás 162.577. O crecemento produciuse tanto no turismo doméstico, cun aumento do 8,1%, coma no turismo internacional, cun aumento do 22,5%. Dende Turismo de Santiago valórase especialmente este crecemento do turismo internacional, xa que se produce respecto ao 2012, que foi o ano da historia con mellores datos en pernoctacións internacionais.

Os datos do mes de marzo e do primeiro trimestre teñen que tomarse con prudencia, posto que son debidos en gran medida á celebración da Semana Santa neste mes, cando o ano pasado fora en abril. Aínda así, é destacable que o aumento en Santiago neste mes, do 27,3%, triplicase o aumento medio en España, que foi do 8,3%.

Tamén é destacable que este foi o mes de marzo da serie histórica do INE no que foi maior a oferta hoteleira na cidade, con 7.268 prazas dispoñibles.

Compartir: