CULTURA

"Snakizados, comedia da fin do mundo", no Teatro Principal

24/04/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou presentou as representacións de Snakizados, comedia da fin do mundo, de Ancora Producións, incluídas no ciclo Teatro & Danza. Na rolda estiveron presentes tamén Anxela G. Abalo, directora, e Gustavo Pernas Cora, intérprete e autor.

As funcións de Snakikados terán lugar no Teatro Principal o venres 26 e sábado 27, ás 21:00 horas. As entradas están á venda a 10 euros cunha oferta especial para a función do sábado de 6 euros para estudantes e xubilados. Pódense mercar na billeteira do Teatro Principal, en entradas.novagaliciabanco.es e no 902 434 443.

Máis de quince personaxes nun reto físico case atlético. Gustavo Pernas Cora debe despoxarse do texto como autor e encaralo como actor. Un monólogo teatral con citas de textos magníficos que intenta chegar ao público a través do humor, máis necesario que nunca.

Snakizados é un espectáculo anovador, dende o texto á posta en escena, con imaxes e espazos sonoros e lumínicos impactantes. Ancora Produccións ofrece a través da comedia da fin do mundo- Snakizados- a terceira parte dos Logomonos, que con Pisados e Colgados falan da crise. Agora xa non é o Colgado que quere redimir a humanidade toda, non é o Pisado que alerta a unha sociedade xorda, agora é un ser, NonHé, feito de anacos, que non quere nacer. E o ser ou non ser... unha irónica perspectiva dos tempos que corren.

Compartir: