INFRAESTRUTURAS

A rúa Ánxel Baltar estrea imaxe

08/06/2006 A rúa Ánxel Baltar ofrece dende o mércores 7 de xuño, un aspecto totalmente renovado trala conclusíón dos traballos de urbanización. O Concello de Santiago investiu 290.686,52 euros nestas obras para dotar de nova calzada, aparcadoiros, beirarrúas e zonas axardinadas á rúa que enlaza Mestre Mateo con Rosalía de Castro.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado doutros membros da Corporación municipal inaugurou a reurbanización da rúa Ánxel Baltar, cuxo aspecto apenas lembra o seu estado anterior.

En total actuouse sobre 1.028 metros cadrados de calzada e zonas para aparcadoiro e sobre 1.638 metros cadrados de beirarrúas, que deixan unha vía cómoda tanto para o tráfico coma para os peóns.

A rúa contará tamén cunha ampla zona verde axardinada duns 675 metros cadrados. O aspecto externo da vía complétase con novo mobiliario urbano e coa total renovación da instalación do alumeado público.

O orzamento das obras incluíu tamén a instalación das redes de saneamento, de pluviais e de abastecemento, así como a adecuación das redes de gas cidade, de telefonía, de electricidade e de cable.

A rúa Ánxel Baltar tense convertido nun importante zona de tránsito na cidade, tanto por canto une dúas das principais vías de entrada á cidade: as rúas Mestre Mateo e Rosalía de Castro. Ademais, trátase dunha zona que experimentou nos últimos anos un significativo crecemento urbanístico. Desde o ano 1999, máis da mitade da superficie do Ensanche foi reurbanizada nunha serie de actuacións progresivas que buscan mellorar o aspecto desta parte da cidade, recuperar o espazo peonil e axilizar o tráfico.

Compartir: