FACENDA

A concelleira de Facenda confía en deixar a cero en 2013 o saldo de facturas pendentes de anteriores exercicios

24/04/2013 A 31 de decembro de 2012, o saldo de facturas pendentes de aboar polo Concello era de 1.600.000 euros, segundo indicou a concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra. Desta cantidade, preto do 50% xa se recollerá nos orzamentos de 2013, que serán sometidos á aprobación inicial do Pleno este xoves.

Cecilia Sierra apuntou que esa cantidade de 1.600.000 euros se corresponden con 467 facturas, das que 217, por importe 300.000 euros, son anteriores á entrada do actual Goberno municipal. Destes 1,6 millóns de euros, case o 50 por cento será aboado con partidas xa incluídas nos orzamentos de 2013. É o caso da factura por 670.000 euros da empresa concesionaria do servizo de conserxería e limpeza en varios colexios e de 80.000 euros dunha empresa que realizara obras nun colexio. Ademais, contémplase a posibilidade de realizar unha modificación orzamentaria para facer fronte a 147.000 euros de débeda por roubo de cable.

Deste xeito, quedarían por "depurar" na súa totalidade facturas por 480.000 euros. En calquera caso, Cecilia Sierra expresou a súa confianza en que neste mesmo 2013 se xestionen todas e o saldo de facturas pendentes de anos anteriores quede a cero no presente exercicio.

A edil cualificou de "récord" a redución do saldo de facturas pendentes de pago. Así, en 2011, este saldo era de 2.200.000 euros e, en 2010, de 2.600.000 euros.

Compartir: