TURISMO

Turismo de Santiago organiza unha viaxe de touroperadores irlandeses

24/04/2013 Dez touroperadores irlandeses coñecerán Santiago de Compostela entre o 25 e o 27 de abril nunha viaxe organizada por Turismo de Santiago en colaboración con Aer Lingus, a Asociación Hostalería Compostela e a Oficina Española de Turismo (OET) de Dublín, que ten por obxectivo promocionar Santiago no mercado irlandés e impulsar a conexión aérea que une Santiago e Dublín.

En principio estaba pensado organizar unha viaxe para cinco touroperadores, pero dadas as solicitudes que se recibiron por parte do sector emisor irlandés, decidiuse ampliar o grupo ata dez, sinal do interese crecente que ten Santiago para este mercado, no que dende Turismo de Santiago se está facendo un esforzo importante dende o ano pasado, incluíndo a presenza da cidade por primeira vez na Holiday World Show, a feira turística máis importante do mercado irlandés que se celebrou no mes de xaneiro.

En maio de 2012 promocionouse a cidade no programa Saturday Night Show, da televisión pública irlandesa RTÉ, onde se sortearon dous billetes de avión con cinco noites no Hostal dos Reis Católicos nunha campaña de promoción de Aer Lingus da súa conexión entre Dublín e Santiago, na que colaboraron Turismo de Santiago, a rede de Paradores de España e a OET en Dublín. Tamén en xuño de 2012 Turismo de Santiago organizou unha viaxe de xornalistas irlandeses á cidade, en colaboración coa Asociación Hostalería Compostela e a OET en Dubín.

A conexión con Dublín leva xa varios anos funcionando. Os datos de pasaxeiros nos últimos cinco anos foron: 2012, 18.546 pasaxeiros; 2011, 17.206; 2010, 17.421; 2009, 12.020; 2008, 16.820. Este ano é previsible que a cifra de pasaxeiros poida aumentar ata os 25.000 pasaxeiros, xa que Aer Lingus ampliará as conexións para operar toda a temporada de verán, de abril a outubro, fronte aos anos pasados cando operaba de maio a setembro, e nos meses centrais de verán pasará de tres a catro frecuencias semanais.

Ademais, está habendo un crecemento importante no número de peregrinos procedentes de Irlanda, que no 2012 ocupou xa o sexto posto con maior número de peregrinos internacionais, só por detrás de Alemaña, Francia, Italia, Portugal e EEUU, con 3.844 peregrinos, un crecemento do 43% respecto ao ano 2011.

Compartir: