ALCALDÍA

Unha mostra repasa a historia da cartografía a través dos mapas antigos de Galicia

23/04/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu no Museo do Pobo Galego á inauguración da exposición Galicia nos mapas antigos. Cartografía nos fondos do Museo do Pobo Galego. Colección Clodio González Pérez. A mostra estará aberta ata o 26 de maio.

O Museo do Pobo Galego garda nos seus fondos unha interesante colección de mapas antigos. Nesta exposición móstranse os mapas de Galicia, como unidade diferenciada, pertencentes á colección de Clodio González Pérez, mestre, etnógrafo e patrón do Museo.

A exposición pretende facer un repaso pola historia da cartografía para ver como se vai representando Galicia e a evolución desta representación ata os comezos da cartografía oficial.

Abre a mostra o mapa de Fernando Ojea, Descripcion del Reyno de Galizia, que aparece publicado no atlas Theatrum Orbis Terrarum, de Abraham Ortelius, a partir da edición de 1603. É o primeiro no que aparece Galicia como espazo particular de representación, fixando unha imaxe da mesma. Ata entón só a costa galega fora representada nas cartas náuticas, como nas de Lucas Jansz Waghenaer.

Deste mapa fanse posteriormente varias edicións nas que se vai retocando o perfil da liña de costa, corríxese o percorrido do río Miño ou queda trazado o límite oriental de Galicia no río Navia. Na exposición pódense ver distintas edicións.

O percorrido continúa coa cartografía do italiano Giacomo Cantèlli da Vignola ou de Tomás López, entre outros, para rematar cos inicios da cartografía oficial e pasando tamén polos mapas que representan as vías de comunicación, dende os vellos camiños reais ata proxectos non realizados de vías férreas, ou mapas de estradas, algúns utilizados tamén como soportes de propaganda turística.

Compartir: