CULTURA

Budiño presenta o seu novo traballo, "Sotaque", en Sons’13

22/04/2013 O ciclo Sons’13 trae de novo a Compostela a Budiño, que actuará o xoves 25, ás 21:00 horas, no Teatro Principal. O prezo das entradas é 10 € (anticipada) e 12 € (billeteira), e pódense mercar na billeteira do Teatro Principal, en entradas.novagaliciabanco.es e no 902 434 443.

Músico galego de orixe e universal polo seu fado, viaxeiro convencido, creador incansable, innovador por convicción, soñador de melodías imposibles. Budiño é un artista atípico: é difícil atopar alguén que esperte tanta admiración entre os seus. Inspírase nos pequenos sabores da música tradicional, pero sempre coa intención de crear unha música con estilo propio: a música que se pode converter nun futuro, pode que non tan lonxano.

Budiño ao vivo presenta Sotaque, o seu novo traballo discográfico, un álbum conceptual onde as diferentes gaitas, percusións e voces galegas teñen o labor de marcar o ritmo ao longo de nove músicas compostas por Budiño mais unha peza tradicional, chea de sutileza e vitalidade.

Sotaque foi gravado no seu estudio Ardora e mesturado e masterizado nos estudios Atlântico Blue Studios de Lisboa. Este traballo de composición propia reflicte a impronta da música tradicional e en especial da percusión galega, sempre tocada e pulida a man, xunto coa utilización da electrónica co acento característico de Budiño.

Os amigos convidados ao Sotaque de Budiño, como António Zambujo ou Luís Tosar, fan que na súa particular atmosfera se mesturen os centos de capas percutivas utilizadas para a gravación.

Compartir: