MEDIO AMBIENTE

O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela retoma a actividade cunha xornada de portas abertas

22/04/2013 O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC), situado no antigo curtidoiro de Belvís, reabre as súas portas, ofrecendo unha ampla gama de actividades ambientais para adultos e escolares. Para darse a coñecer nesta nova etapa, preparáronse dúas xornadas de portas abertas, unha para toda a cidadanía o sábado 27 de abril e outra para os directivos dos centros escolares o luns 29.

A concelleira de Medio Ambiente, María Pardo; Paula Lubián, en representación Feitoría Verde (adxudicataria da xestión do centro); e o técnico de Medio Ambiente Ángel Pérez presentaron a nova andaina do CIAC. Reabre neste mes de abril coa intención de ser un punto de encontro da cidadanía en torno ao medio ambiente. Á exposición permanente existente sumarase un programa de actividades composto por visitas guiadas ao centro, exposicións temporais, cursos, obradoiros e paseos guiados por Compostela para descubrir diversos aspectos da súa ecoloxía urbana.

O CIAC terá un horario diferenciado en inverno e verán. Así, do 1 de outubro ao 14 de xuño, estará aberto sábados, domingos e festivos de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 19:00 horas. De luns a venres unicamente se realizarán visitas concertadas. Do 15 de xuño ao 30 de setembro, estará aberto de martes a venres, de 17:00 a 19:00 horas, e o sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas. As mañás de martes a venres só haberá visitas concertadas. Os luns, o centro permanecerá pechado.

Aberto á cidadanía
Para que os veciños e veciñas de Compostela poidan coñecer o CIAC, o sábado 27 de abril celebrarase unha xornada de potas abertas entre as 16:30 e as 20:30 horas. Será unha tarde con contacontos, charlas, obradoiros, un sorteo, xogos populares e visitas guiadas.

Xa o luns 29, entre as 17:00 e as 19:30 horas, o centro estará aberto para os equipos directivos dos centros de ensino, para que coñezan os recursos didácticos cos que conta o CIAC e a súa oferta de educación ambiental. Neste sentido, María Pardo resaltou que, cando así sexa necesario, o persoal do CIAC levará as actividades de educación ambiental aos propios centros escolares.

O CIAC dispón de páxina web, www.ciac-compostela.org, e de Facebook, Centro de Interpretación de Compostela.

Centro de Interpretación de Parques e Xardíns
A concelleira aproveitou a rolda de prensa para anunciar que en Belvís tamén se situará o Centro de Interpretación de Parques e Xardíns, que ata agora estaba na Alameda. Este novo equipamento situarase nun inmoble rehabilitado e incluirá un servizo de cafetería. A xestión deste Centro irá ligada ao novo contrato de mantemento dos parques e xardíns, do que actualmente se está a redactar o prego de condicións. A edil estimou que este contrato poida estar listo no prazo duns seis meses.

Rúa de San Pedro
A preguntas dos xornalistas, María Pardo confirmou que se está a realizar un estudo sobre a mobilidade na rúa de San Pedro, que deberá estar listo para cando se rematen as obras. Entre os aspectos que se están a contemplar, dixo, figura a posible eliminación do tráfico pesado, restricións horarias, revisións de liñas de autobuses ou mesmo a utilización de autobuses urbanos máis pequenos nesta e noutras partes no entorno da Cidade Histórica. O obxectivo final, lembrou, é facer desta rúa de San Pedro, unha vía máis "amable" para os peóns que na actualidade.

Compartir: