EDUCACIÓN

Uns 4.500 escolares de Santiago e comarca participarán nunha nova edición da Campaña de Animación á Lectura

22/04/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Educación, María Castelao, inauguraron na Galería Sargadelos a XIII Campaña de Animación á Lectura, organizada polo Concello e Kalandraka Editora. Está previsto que participen na mesma 4.500 escolares das escolas infantís e centros de infantil e primaria de Santiago e comarca.

Baixo o título "Unha bandada de contos", en referencia á obra gañadora do V Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, Bandada, dos mexicanos María Julia Díaz Garrido e Daniel Álvarez Hernández, a Campaña de Animación á Lectura desenvolverase ata o 25 de maio. O seu obxectivo é achegar a lectura aos máis pequenos e crear un clima agradable e motivador que favoreza a escoita e o poder da palabra, ademais dunha conciencia crítica, con especial atención á expresión en lingua galega. Trátase tamén de traballar a sensibilidade estética dos nenos e nenas, tanto no plano literario como no plástico.

A Campaña inclúe diversas actividades pensadas para públicos específicos. Así, haberá obradoiros, sesións formativas e de cine para centros de ensino; actividades específicas nas escolas infantís; sesións de contacontos e visitas guiadas á exposición da Galería Sargadelos; obradoiros de ilustración; obradoiros de escrita creativa; ou sesións de contos para familias ou bebés, entre outras actividades.

Nesta sesión inaugural, o alcalde e a concelleira de Educación puideron asistir a un obradoiro de ilustración a cargo de Pablo Otero "Peixe", a unha visita didáctica e sesión de contacontos e a un obradoiro de escrita creativa. Participaron, respectivamente, os colexios Compañía de María, Lamas de Abade e Raíña Fabiola.

Direcciones relacionadas



Compartir: