FACENDA

Cecilia Sierra reitera que o endebedamento do Concello é de 60,5 millóns de euros

19/04/2013 A concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, reiterou que o endebedamento do Concello, tal como se indica no informe da liquidación do orzamento de 2012, alcanzou o mínimo "histórico" dos 60,5 millóns de euros. A este respecto, a edil explicou que hai unha "diferencia de criterio" na información publicada polo Ministerio de Facenda que cifra esta débeda en 63,8 millóns de euros.

Segundo apuntou Cecilia Sierra, "o Goberno calcula o nivel de endebedamento baseándose na débeda financeira con entidades bancarias, tal e como está establecido na Lei de Presupostos. Non obstante, o Ministerio utiliza un criterio diferente, que consiste en sumar as devolucións da participación dos Concellos nos tributos do Estado (PIE)". "O Concello, -engadiu- en ningún caso supera o límite establecido por lei do 75%, co cal cabe a posibilidade de poder destinar o superávit a investimento".

Cómpre lembrar que Cecilia Sierra anunciara a débeda de 60,5 millóns de euros con motivo da presentación do informe da liquidación do orzamento de 2012. Cualificou esta cifra como "histórica" esta redución do endebedamento analizando os últimos exercicios dende 2007.

A 31 de decembro de 2012, a cifra de endebedamento quedou nos 60.535.557 euros, fronte aos 63.866.288 euros do exercicio 2011. Lembrou que esta redución se produce malia a ter recorrido ao crédito ICO para o pago a provedores.

Esta cifra tradúcese tamén na diminución do volume de endebedamento por habitante ata os 632,75 euros. A nivel comparativo, este volume era de 670,82 euros en 2011, de 723,12 euros en 2007 e de 697,58 euros en 2010. A propósito da débeda, ata febreiro, o actual Goberno municipal tiña amortizado 15.166.868 euros, indicou.

Aprobación inicial dos orzamentos de 2013
A concelleira anunciou tamén que, unha vez reunida a Comisión Informativa de Facenda, os orzamentos de 2013 serán sometidos á aprobación inicial do Pleno na sesión ordinaria de abril, prevista par o vindeiro xoves. En relación tamén a estas contas, estimou como "moi boa noticia" a decisión do Ministerio de Facenda de permitir dedicar o remanente positivo a investimento.

Compartir: