IGUALDADE

Máis de 600 escolares traballan en torno á igualdade en doce obradoiros

19/04/2013 A concelleira de Educación, María Castelao, asistiu no CEIP Apóstolo Santiago ao comezo dos obradoiros Creando en Igualdade, que realiza o alumnado de 5º e 6º de primaria. Estas sesións enmárcanse no III Plan de Igualdade.

Nestes obradoiros incídese na necesidade de traballar nun cambio de valores entre homes e mulleres dende a educación a través de accións de sensibilización. Están previstos ata 12 obradoiros diferentes: Autorretrato, Choiva de cores, Aquí quen cociña?, Bolsas pola igualdade, Capturando imaxes, Historia dun encontro, Parecidos razoables, O calendario da igualdade, Pesonalización de carpetas, Historia ilustrada – un mundo en positivo, A pequena familia e O dado da igualdade. O programa Creando en igualdade conta cunha subvención da Deputación da Coruña de 31.161 euros, que permiten a realización dos obradoiros e a contratación de dúas psicólogas.

Os obradoiros foran presentado previamente aos centros educativos e mantivéranse reunións individualizadas coas direccións e ANPAS de cada colexio, co fin de que cada centro escollara o que máis lle interesara e fixar un calendario. Finalmente, participarán os seguintes centros: Apóstolo Santiago (19 e 26 de abril e 3 de maio), Vite (25 de abril), Ramón Cabanillas (29 de abril e 6 de maio), Rodríguez Xixirei (15 de maio), Vilas Alborada (14 e 21 de maio) e López Ferreiro (8 e 22 de maio). Serán máis de 600 nenos e nenas os que participen nestes obradoiros.

María Castelao indicou que o obxectivo xeral de todos estes obradoiros é "fomentar e difundir os valores positivos da igualdade entre os homes e as mulleres no ámbito educativo, como principio fundamental da xustiza social e co valor engadido de completar a formación dos nosos nenos e nenas". Entre os obxectivos específicos, citou a promoción da tolerancia, o fomento da corresponsabilidade nas tarefas do fogar, a ampliación do vocabulario dos nenos e nenas á hora de expresarse en prol da igualdade, o fortalecemento dos vínculos entre os escolares a través do traballo en equipo e o fomento da observación e o pensamento crítico entre os máis pequenos.

Compartir: