DEPORTES

Trinta mulleres aprenderán técnicas de defensa persoal nun curso no Restollal

19/04/2013 O pavillón do Restollal acolle a segunda edición do Curso de Defensa Persoal Feminina organizado polo Compostela Judo Club coa colaboración do Concello de Santiago. As sesións desenvolveranse os venres, de 21:00 a 22:00 horas, ao longo do vindeiro mes e medio. Aínda quedan prazas neste curso, no que participarán unhas 30 mulleres, a maioría con idades comprendidas entre os 20 e os 35 anos.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, explicou que o obxectivo deste curso é que as participantes "adquiran unhas nocións básicas de defensa persoal, experimentando e aprendendo a superar situacións reais". Trátase de que estas mulleres "adquiran habilitades que lles permitan facer fronte a agresións nun momento determinado".

O presidente do Compostela Judo Club e un dos profesores deste curso, Javier Rial, explicou que esta segunda edición xorde a raíz do éxito da primeira, promovida a partir da demanda das nais dos rapaces que practican judo no club. Nas clases emprégase unha metodoloxía baseada nos distintos tipos de agresións, como frontais, laterais, de costas ou no solo. Fronte a estas, as participantes aprenden a realizar golpes, estrangulacións, luxacións, ou a empregar obxectos cotiás dispoñibles en cada momento.

O prezo deste curso, que comeza este mesmo venres e rematará o 21 de xuño, é de 25 euros.

Compartir: