TURISMO

Ángel Currás recibe os participantes noruegueses e italianos no "educational tour" do Proxecto Certo

18/04/2013 O alcalde, Ángel Curras, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, recibiron no Pazo de Raxoi os participantes no "educational tour" do Proxecto Certo, financiado pola Unión Europea, no que participan profesores e touroperadores procedentes de Noruega e Italia.

Na súa estadía na cidade visitarán o Museo das Peregrinacións, o Instituto Rosalía de Castro, as cubertas da Catedral e farán unha visita guiada polo Casco Histórico, incluíndo o Mercado de Abastos. Tamén farán unha pequena etapa do Camiño de Santiago e terán unha reunión de traballo co xerente do Xacobeo, José Paz.

Actualmente hai 36 Itinerarios Culturais Europeos declarados polo Consello de Europa. O primeiro deles foi o Camiño de Santiago, que obtivo o recoñecemento en 1987. Outros dous dos máis importantes son a Vía Francíxena e a Ruta de San Olaf.

A Vía Francíxena partía de Canterbury, en Inglaterra, e cruzaba Francia, Suíza e Italia ata Roma. Foi a ruta de peregrinación a Roma máis importante da Idade Media. A Ruta de San Olaf foi a ruta de peregrinación máis importante do norte de Europa. Tiña como destino a Catedral de Nidaros, na cidade norueguesa de Trondheim, onde repousan os restos de San Olaf, rei que introduciu o cristianismo en Noruega a comezos do segundo milenio.

A través do proxecto Certo, cinco entidades de catro países promocionan conxuntamente os tres Itinerarios Culturais Europeos, que comparten o feito de ser rutas de peregrinación con grande influencia na Idade Media. As entidades que participan son: Concello de Santiago, Camiños de Europa (Parma), Asociación Europea da Vía Francíxena (Fidenza), Centro Nacional de Peregrinación da Ruta de San Olaf (Trondheim) e o Instituto Europeo de Itinerarios Culturais (Luxemburgo).

Nas actividades de promoción do Proxecto Certo inclúense presstrips ou viaxes de xornalistas para que coñezan os distintos camiños, presenza conxunta en feiras e distintos foros de turismo para profesionais, presentacións en destino, programas para compartir experiencias e coñecementos, intercambios de espazos nas respectivas páxinas web dos participantes do proxecto...

Compartir: